Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Detrás de cada ollada...

    ESTE ano pensabamos que o Nadal ía ser diferente do anterior, volvendo a como eran as cousas antes da pandemia causada pola expansión da covid-19. Pero equivocámonos. Estamos preto da emblemática celebración que xunta á familia e os amigos e decatámonos de que a incidencia está a subir mentres se administran as terceiras doses dunha vacina que aínda non se sabe se protexerá o suficiente fronte á variante ómicron.

    Seguimos un tanto desamparados porque ignoramos por onde nos vai saír o coronavirus, esa desagradable compaña que se coa nas casas sen ser convidado. Apetece viaxar e bicar, pero todo supón un risco. Estamos máis protexidos polas vacinas administradas de AstraZeneca, Pfizer, Janssen ou Moderna. Pode ser certo. Pero como moitos dos cidadáns fomos inmunizados hai xa bastante tempo, agora sentímonos inseguros.

    Sexa con ou sen pasaporte Covid, camiñamos con precaución, ocultándonos coma ó comezo detrás da máscara de protección. Outros desbotárona hai tempo, vemos o espello en países nos que agora é de novo obrigatoria e volvemos sentir medo. A que se repita o mesmo conto.

    Si. Chega o Nadal. A época da ilusión, das xuntanzas arredor dunha mesa ateigada de pratos exquisitos e bos propósitos. Pero non retorna como antes da pandemia. Aínda non desapareceu da ollada da xente ese veo de tristura que empaña os sorrisos agochados detrás das FFP2 e das máscaras cirúrxicas dende marzo de 2020. Escóitase xa algún que outro vilancico de Nadal, animando á poboación ó consumo.

    En Lugo o 3 de decembro procedeuse ó alumeado da cidade, este ano moito máis fermoso. Xa escintila a árbore fronte ó Concello e hai repartidos distintos puntos de luz para facer soñar a pequenos e maiores. Na Praza Maior loce tamén unha estrela que brilla e trae esperanza...

    Este ano non competiremos con Vigo e as luces de Abel Caballero, sempre pioneiro no alumeado de Nadal (acendido o 20 de novembro), pero contaremos cunha fermosa e acolledora urbe que nos chisca a súa ollada e mira cara ó futuro.

    Volven as ganas de recuperar os vellos costumes da nosa terra, como achegarnos a Begonte e volver sentir a maxia do Nadal a través do seu Belén. Nesta ocasión ademais hai outra razón: ver a mostra dos seus 50 anos (1972-2022). Viaxe curta dende Lugo, escapada segura. Trátase dun espectáculo cheo de vida, no que as figuras artelladas mecanicamente fan do rural da Terra Chá un gran atractivo para os visitantes.

    Pouco a pouco foron incorporándose novos personaxes con distintos oficios, mellorando o conxunto e dándolle ó espectador un agasallo para os sentidos, permitíndolle evadirse de todo e regresar á infancia. Un dos grandes atractivos está na posta en escena dos cambios atmosféricos, amosando a chuvia e a caída das folerpas de neve que cubren a aldea, o paso do día á noite...

    No corazón da Terra Chá respírase maxia. Viaxando ata o centro cultural José Domínguez Guizán, un comproba que se herdou a ilusión coa que José Rodríguez Varela artellaba todo ano tras ano, facendo que o belén electrónico de Begonte goce de boa saúde e continúe a súa tradición a día de hoxe. Tras medio século de historia e nun tempo no que semella que todo o que non chegue por Whatsapp ou estea en TikTok é de segunda podemos asegurar que aquí, coma no teatro, a experiencia é real.

    Vívese a maxia do directo e síntese na pel a súa esencia. Este ano os sorrisos quedarán agochados detrás das máscaras, pero en cada ollada haberá un brillo especial despois de viaxar á capital do Nadal en Galicia e percorrer coa memoria o que foi o belén da infancia para moitos de nós.

    11 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito