Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Día das Letras Galegas:
un desacougo

    COMO saben os lectores, o acto académico do Día das Letras Galegas celebrouse hai algúns días en Ferrol, apartado da súa data habitual por mor do virus. Imos dicir desde o principio que o Día das Letras Galegas é unha iniciativa extraordinaria. Que unha celebración arredor dos autores, dos libros e das palabras se convirta nunha festa e nun feliz pretexto para falar dos libros (e non so) é unha idea marabillosa.

    Non celebramos ese día nin batallas, nin conquistas, nin acontecementos mitificados e mistificados, senon a vida e obra de escritores de mérito que se expresaron en galego. Longa vida ao 17 de Maio que forma parte desde 1963 da nosa educación literaria, sentimental e cívica! Grazas a este Día fixéronse un pouco mais familiares os nomes e as voces de Rosalía, Fole, Cunqueiro, Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo ou Martín Codax. E grazas a escritores coma eles sabemos un pouco mais sobre a vida, que non é pouca cousa.

    Ata aquí a parte amable, agora imos poñer as katiuskas e saltar nas pucharcas. Alén do virus que malbaratou os actos deste ano, o Día das Letras arrastra desde hai tempo dous problemas considerables. Primeiro, unha gran perda de eco no ensino e na xente do común; e segundo, a elección frecuente de autores que interesan mais aos especialistas que aos lectores, convertindo o Día das Letras nun ritual cada vez mais gris e alleo.

    Hai circunstancias que axudan a este deterioro: por exemplo, que o Día sexa festivo no ensino. Unha celebración que ten o seu lugar natural nas aulas –é onde lemos e coñecemos á maioría dos autores literarios– e que ten como primeiro público a xente nova –que está na escola– non debe ser un día de centros de ensino pechados. É desde os colexios e institutos desde onde debe resoar máis o Día das Letras no resto da sociedade.

    Precisamente por ese mesmo motivo non é igual dedicarlle o día a Rosalía ou a Cunqueiro ou a Celso Emilio que a un lexicógrafo difícil de reeditar, a un empresario con obra literariamente menor ou a poetas de dous libros irregulares e ainda menos.

    Todos os homenaxeados escribiron páxinas dignas de consideración para filólogos e historiadores, pero algúns non son escritores que esperten a cobiza de ler para un lector de hoxe. Iso non é un desdouro para tales autores, pero si unha pexa para unha data cívica que quere convocar ás xentes arredor da lingua e dos libros e que debería chegar nidiamente, para empezar, ás novas xeracións.

    Non todos os escritores son igualmente interesantes, nin atractivos, nin vixentes. Non todos teñen unha obra capaz de conectar con moitos lectores, e moito menos cun país enteiro, ainda que teñan o seu sitio nas enciclopedias. A verdade é que os autores realmente principais nunha lingua son poucos e conviría convertir eses poucos –coa flexibilidade e a porosidade necesarias– nun ciclo que se repita cada quince ou vinte anos (o ciclo educativo de moitos cidadáns), para conservar a intensidade e o interese colectivo que lle dan sentido ao Día das Letras. Ou irmos ao garete, que xa estamos afeitos.

    10 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.