Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Día de Reis

    XA teño dito nalgunha ocasión que eu son máis de Papá Noel que de Reis Magos. A razón é ben sinxela: cando se aproxima o Nadal todo se ve envolto pola maxia que asocio ó día de Noiteboa e ó 25 de decembro. Esa primeira cea en familia, despois de comezar propiamente a celebración do Nadal co sorteo da lotaría do Gordo, dá inicio a dúas semanas de vacacións nas que semella que o tempo se estanca. Ata o día 31 de decembro todo é brillante, os días están cheos de sorrisos, promesas e esperanza.

    Logo chega o 1 de xaneiro, acollemos con alegría o novo ano, brindamos novamente e facemos a listaxe dos bos propósitos. Facer máis deporte, ser menos adictos ó móbil, comer maís san ou ser mellores persoas... adoitan ocupar os primeiros postos.

    Deseguido os días comezan a correr. O tempo non se detén e xa semella que se nos escapou parte da vida entre os dedos, sen que puidésemos pechar a man e gardar dentro o máis preciado. É unha sensación que se repite ano tras ano, como cando de cativa vía recoller as barracas do San Froilán e me invadía unha profunda tristeza.

    Poñer a árbore de Nadal na ponte da Constitución, mercar os doces típicos (turróns e polvoróns), facer o acendido das luces ó estilo Abel Caballero... todo se fai con grande ilusión. Pero pasado o primeiro de ano e sentindo aproximarse o Día de Reis, invádeme a melancolía, a certeza de que todo o bo remata, de que chegan as separacións e as despedidas e non podo evitar que as bágoas esvaren polas miñas meixelas un ano detrás doutro.

    Son parva, xa o sei. Pero non podo evitar querer alongar o tempo en familia, de sentirnos tan unidos, de volver á nenez e sentirme segura na casa dos meus pais, gozando da súa presencia, compartindo os pratos cociñados con eles e co meu irmán con tanto amor. Iso é a felicidade, poder estar xuntos. É o mellor agasallo de Nadal.

    Que lle pido ós Reis Magos? Pois poder escoitar a voz da xente que quero, desfrutar da música na mellor compañía, soñar espertos con futuras horas felices, sentar xuntos e mirar as fotografías dos veráns e das viaxes feitas mentres fóra chove e sentimos esvarar a auga polos cristais das fiestras.

    Poder ver como sae o sol cada mañá, como nacen as margaridas nos campos ou como florece a primavera mentres sentimos o arrecendo do ar agarimando a nosa pel. Saborear unha copa de viño mentres brindamos polos éxitos da vida. Volver degustar ese prato tan rico que só sabe así no calor do fogar. Viaxar polas páxinas da última novela que nos deixa Baltasar debaixo da árbore. Camiñar coa saúde da man.

    Máis alá do acopio de obxectos a maioría das veces innecesarios, promovido pola gran cantidade de anuncios televisivos e a publicidade expandida a través de Internet, hai outros xeitos de regalar. Máis alá da desexada electrónica, cos últimos modelos de Apple ós que non podemos facer ningún asco, máis alá dos perfumes e dos reloxios, hai outro mundo.

    O mellor é regalar momentos, emocións, recordos. Tanto para o que recibe o agasallo como para quen o dá é unha experiencia gratificante. Sen dúbida, o mellor é regalar tempo. Unha saída, un xantar nalgún sitio especial, unha experiencia na natureza... vai convertirse nunha lembranza que une.

    Despois de tantos excesos chégalle o protagonismo ó Roscón de Reis ou Bolo Rei en Portugal, o país veciño. Desfrutémolo!

    05 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.