Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dialéctica da dependencia. Teoría para entender a globalización

    Na década dos sesenta e setenta do século pasado un grupo de pensadores marxistas da América Latina fixeron unha importante contribución na caracterización do papel que cumpría a clase traballadora e a burguesía nos países subalternos. Chegando á conclusión de que nestas nacións a primeira estaba sometida a unha super-explotación. A súa achega é coñecida como a Teoría da Dependencia. Destacando entre os impulsores da mesma: Theutonio dos Santos, André Gunder Frank, Ruy Mauro Marini, Celso Furtado, Vania Bambirra, etc. Tamén o exipcio Samir Amin está moi influenciado por esta tendencia. A Teoría da Dependencia xurdiu ligada aos estudos da CEPAL, na etapa que esta organización das Nacións Unidas para a América Latina estaba dirixida por Raúl Prebich entre 1950-1963, aínda que Marini se enfrontou as súas propostas desenvolventistas, representadas entre outros polo brasileiro Fernando Henrique Cardoso.

    Sen dúbida Ruy Mauro Marini foi dos que deixou unha teoría máis completa sobre a dependencia, e que coido é de obrigado coñecemento para todos/as aqueles que loitan pola liberación nacional e social de Galiza. Nel coinciden a militancia política e análise teórica, o que lle dá á súa obra un valor especial. Marini naceu en 1932 no estado de Minas Gerais, no Brasil. Participa activamente no movemento estudantil e ingresa na organización Política Operaria. Xa como profesor da universidade de Brasilia realiza xunto con Theutonio dos Santos e Vania Bambirra unha análise do Capital de Marx á luz da realidade latinoamericana. Tras o golpe militar de 1964, será detido e torturado, en 1965 exiliase en México. No ano 1971 trasladase a Chile até a caída de Allende, cando se ve forzado a marchar (Alemaña, México). Na década dos oitenta retorna a Brasil, onde morre en 1997 na cidade de Río de Xaneiro.

    Entre os libros de Marini podemos lembrar: “Capitalismo”, “Dialéctica da dependencia”, “Subdesenvolvemento e Revolución”, “O ciclo do capital na economía dependente”, “Acumulación capitalista mundial e sub-imperialismo”, “Desenvolvemento e dependencia”, “Revolución”, “Desenvolvemento industrial dependente e a crise do sistema de dominación”, “A pequena burguesía e o problema do poder”, “As razóns do neo-desenvolvemento”, “A loita pola democracia na América Latina”, etc. Escribiu asemade numerosos artigos tratando temas máis concretos da realidade de América Latina. Unha parte das súas publicacións pódense atopar nas webs http://www.marini-escritos.unam.mx/, e http://www.archivochile.com/Ideas_Autores/maurinirm/.

    Vexamos a caracterización que fai Marini da realidade dependente no seu libro “Dialéctica da Dependencia”. Neste ensaio afirma: “teoricamente, o intercambio de mercadorías expresa o troque de equivalentes, cuxo valor determinase pola cantidade de traballo socialmente necesario que incorporan as mercadorías. Na práctica, óllanse diferentes mecanismos que permiten realizar transferencias de valor, pasando por riba das leis de intercambio, e que se expresan na maneira como se fixan os prezos do mercado e os prezos de produción de mercadorías (...) O simple feito de que unhas nacións produzan bens que as demais non producen, ou que non poden facer coa mesma facilidade, permite ás primeiras que eludan a lei do valor, é dicir, que vendan os produtos a prezos superiores ao seu valor, configurando un intercambio desigual (...) as nacións desfavorecidas polo intercambio desigual non procuran tanto corrixir o desequilibrio entre prezos e valor das súas mercadorías exportadas (o que implicaría un esforzo redobrado para aumentar a capacidade produtiva do traballo) senón que compensan as perdas de ingresos xerados polo comercio internacional a través dunha maior explotación da clase traballadora (...) A industrialización latinoamericana corresponde a unha nova división internacional do traballo, en cuxo marco se transfiren aos países dependentes etapas inferiores da produción industrial reservándonse os centros imperialistas as etapas máis avanzadas e o monopolio da tecnoloxía correspondente”.

    Con relación ao circuíto de intercambios comerciais no que estaba inserida a economía de América Latina, facía apreciacións, que son plenamente validas para a interpretación da globalización neoliberal no momento actual, malia que este texto foi escrito en 1973. Dicía Marini “Como a circulación se afasta da produción e efectuase basicamente no ámbito do mercado externo, o consumo individual do traballador no interfire na realización do produto, aínda que si determine a cota de máis-valía. En consecuencia a tendencia natural do sistema será a de explotar ao máximo a forza de traballo da clase obreira (...) A economía exportadora é pois algo máis que o produto dunha economía internacional fundada na especialización produtiva: é unha formación social baseada no modelo capitalista de produción, que acentúa até o límite as contradicións que lle son propias. Ao facelo, configura de xeito especifico as relacións de explotación en que se basea, e xera un ciclo de capital que tende a reproducir en escala ampliada a dependencia en que se atopa fronte á economía internacional (...) O froito da dependencia non poden ser, polo tanto, senón máis dependencia, e a súa liquidación supón necesariamente a supresión das relacións de produción que ela abrangue”.

    As reflexións teóricas de Ruy Mauro Marini, a partires dunha razoada análise da realidade e dos problemas prácticos en Brasil, Chile, Cuba e outros países, son unha contribución a ter en conta para construír unha alternativa antisistemica nas nacións dependentes, neocoloniais, e semicoloniais, neste intre. Ou sexa, naqueles países que carecen de estado propio ou de capacidade de decisión real sobre as cuestións estratéxicas, como Galiza. A súa é unha importante contribución ao pensamento, ao debate, imprescindíbel nesta conxuntura histórica na que se afondan as contradicións no eido económico e social, que amosa os limites do capitalismo, porén mantense a hexemonía do neoliberalismo no campo das ideas. Un aspecto que polo tanto pasa a ser esencial como tarefa política para a construción dunha alternativa superadora. A Teoría da Dependencia amosa con toda claridade a estreita ligazón que existe entre clase social e soberanía nacional, deixando en evidencia moitas falsas caracterizacións da sociedade nas nacións dependentes, e a prioridade das contradicións existentes.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    01 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito