Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dignificar a actividade política

    A política é a actividade que se ocupa dos asuntos públicos. Hai moita xente que critica de forma xeralizada a todas as persoas que se adican á actividade política; en moitos casos por todo o que a corrupción dentro da xestión pública representa e ata onde chega.

    É verdade que existen moitos casos de corrupción demostrados nos tribunais, pero non é menos certo que todas as persoas que se adican á actividade política de base o fan dunha forma altruista.

    E moitas das que cobran pola xestión pública que desenvolven o fan limitándose aos seus salarios legais. Milleiros de concelleiros da oposición no rural están a perder cartos coa súa militancia política; todos os militantes de base están a perder cartos e horas do seu tempo pola adicación á actividade política.

    A política profesional, quen cobra por exercela, son persoas que se adican a xestionar os asuntos públicos. E, penso eu, que se desenvolves un traballo político institucional, terás que cobrar polo teu traballo, de ser doutro xeito só se poderian adicar a xestionar dende as institucións persoas que non precisan cobrar.

    Os millonarios logo, os de arriba, sempre os ricos. Un albanel, un electricista, un fontaneiro, un mecánico, un pintor de brocha gorda... nunca poderían adicarse á súa actividade política con exclusividade, simplemente porque non terían cartos para comer. Serían sempre os millonarios quen poidesen facelo, eles serían sempre os escollidos para estas actividades públicas. Non me parece isto nin moi demócrata, nin moi igualitario.

    O presidente do goberno do Estado español, o presidente do goberno galego, os ministros, os conselleiros; todos os que están a xestionar os asuntos públicos cobran menos cartos que os xestores e directivos de multinacionais e de bancos.

    Hai un vello refrán que vén decir: “A igual traballo igual salario”. Que pasa que xestionar unha comunidade autónoma ten menos responsabilidades que xestionar un banco? Falso! Penso eu que se tes un alto posto de responsabilidade para xestionar o público terás que cobrar por elo.

    Logo abundan aqueles que din que a xente de esquerdas non tería que cobrar tanto como a xente de dereitas, porque os primeiros, baixo non sei que criterio obxectivo, deberían dar exemplo vivindo con humildade.

    Baixo este criterio, parece que moita xente pretende que os da esquerda teríamos que vivir sempre peor que os da dereita.

    Non ten nada que ver ser de esquerdas ou de dereitas para determinar o teu salario, repito: “A igual traballo, igual salario”.

    A inventora do voto de pobreza, decían nas redes sociais, foi a igrexa e non Marx.

    Isto de pretender, por parte dalgúns, que a actividade política de xestionar os asuntos públicos se faga de forma altruista e non remunerada xa vén de vello. Xa se debatiu no seu momento no tardofranquismo e non se chegou a facer nunca; e eu penso que con razón.

    Outra cousa é sancionar de forma exemplar os casos de corrupción pública e privada; porque hai que lembrar que onde hai un político corrupto que cobra ilegalmente acostuma haber un empresario que lle paga para que lle dea a concesión dun negocio.

    Non vería eu con malos ollos que a corrupción fose un delito que non prescribise, e teríamos que buscar sempre detrás dun político corrupto a un empresario corruptor.

    Eís a análise de hoxe. Un tema para seguir desenvolvendo noutro artigo.

    20 sep 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito