Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Divide e vencerás

    NO MUNDO DA INFORMÁTICA é ben coñecida unha estratexia de deseño de algoritmos que se denomina “divide e vencerás”. A idea é conceptualmente moi simple: trátase de descompoñer un problema en dous ou máis subproblemas, máis sinxelos que aquel, repetindo este proceso cos subproblemas xerados, e así sucesivamente. A adecuada combinación das solucións dos subproblemas finais, moito máis fáciles de tratar, permite obter a do problema de partida. Tamén en ocasións dividir un problema de cálculo entre moitos procesadores permite acurtar o tempo necesario para obter a solución, e isto pode non só acelerar a obtención do resultado, senón que este teña valor. A mellor solución é inútil se non se obtén no tempo dispoñible para poñela en práctica.

    Desafortunadamente, o divide e vencerás tamén pode utilizarse para obxectivos menos construtivos que os de resolver algúns problemas especialmente complexos. Vou poñer un par de exemplos para ilustralo.

    No ámbito da investigación non é infrecuente a práctica de dividir as publicacións científicas no que se denomina as “least publishable units”, ou unidades mínimas publicables. Deste xeito, o que idealmente debería estar contido nun único artigo científico, divídese en cuantos máis mellor. Non se trata dunha división por capítulos ou fascículos, algo que, salvo por distribuír a publicación ao longo do tempo, acabaría achegando igualmente o conxunto da obra. Non, aquí o obxectivo é que os resultados dun descubrimento ou desenvolvemento tecnolóxico importante, poñamos por caso, se presenten partidos, de modo que en cada parte se faga referencia e énfase nun resultado máis ou menos destacado do conxunto da investigación. O problema é que neste caso a suma das partes é moito menos que o todo nun. Imaxínese o lector que Camilo José Cela en lugar de escribir “A Colmea”, publicase en senllos folletíns o discorrer de cada unha das moitas vidas que se cruzan na súa novela. Perderiamos unha das obras máis importantes da literatura española do pasado século.

    A estratexia de atomizar os artigos só beneficia ás editoriais científicas, que engordan así a súa caixa, e aos autores, que ven aumentar o peso dos seus currículos, que non a calidade dos mesmos. O pagán, iso si, é a ciencia e, polo tanto, a sociedade no seu conxunto, que ao final é quen financia a investigación.

    Cambiando de terzo, fálolles agora da tramitación en curso dun novo imposto ás grandes fortunas, que iniciou recentemente o Goberno de España. Quen son donos desas fortunas grandes están a afiar os coitelos de cortar, para reducir ao máximo o impacto deste gravame. Unha das posibles formas de facelo é a través do “splitting”, que podemos traducir simplemente como división. Pero que non lles pase como a min, que inxenuamente pensei que se trataba de dividir a carga en cómodos prazos. Para nada. Trátase de dividir a fortuna mesma, e facelo, por exemplo, entre diversos membros da familia, evitando así, ou polo menos reducindo, o pago do imposto. Non é a única estratexia ou estrataxema -decidan vostedes como mellor cualificala-, para non pagar ou pagar menos. Pero nin eu son un experto no tema -a miña fortuna, que é das grandes, é inmaterial-, nin isto é un boletín de asesoramento fiscal.

    Paradoxalmente, a este novo imposto váiselle a denominar “de solidariedade das grandes fortunas”, pero vistos os movementos que se están producindo para escorrer o vulto en moitas delas, non parece que vaia a activar precisamente a súa solidariedade. Ao final trátase de dividir e vencer, non necesariamente de convencer.

    04 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.