Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Divina Comedia: composición

    SABEMOS bastante pouco da xénese da Divina Comedia e dos tempos da súa composición, pero si podemos afirmar que o proxecto foi moi longo -seguramente máis de 20 anos- como indican a rigorosa arquitectura, a solidez interna e externa da estrutura e a profundidade dos temas tratados. Non esquezamos que estamos a falar dunha especie de enciclopedia do saber medieval que tivo unha importancia tal que se proxecta ata os nosos días.

    Realmente pódense reducir a tres os momentos fundamentais na composición da obra: o primeiro vén xa de lonxe, xa cando estaba redactando a Vita Nuova (ao redor dos anos 1292-94 ou un pouco máis tarde), e a pesar de ser a mellor obra poética do medioevo, escrita para louvar a unha muller, o poeta aínda non estaba satisfeito, e xa daquela comezou a pensar noutra obra que superase á primeira para colocar a súa amada nas máis altas esferas. Naturalmente o que se proxectou nese momento foi cambiando e ampliándose con outros temas de tal xeito que, como sabemos, rematou sendo non só unha obra de exaltación a súa amada, senón unha grande obra que englobou e ao mesmo tempo superou a calquera outra.

    No último capítulo da Vita Nuova lemos: “Appresso questo sonetto aparve a me una mirabile visione, ne la quale io vidi cose che mi fecero proporre di non dire di questa benedetta infino a tanto che io potesse più degnamente trattare di lei”. Isto significa, sen ningunha dúbida, que moito antes de empezar a redactar o primeiro capítulo da Divina Comedia, Dante viña madurando o proxecto, pedíndolle a Deus que lle dera vida para “dicer di lei quello che mai non fu detto d’alcuna”.

    O segundo momento, moi decisivo, hai que situalo entre os dous anos anteriores ao exilio e, sobre todo, os inmediatamente seguintes á condena (1302-1304), anos en que o poeta comezou a redacción do poema sagrado, o que non quere dicir de ningún modo que neste intervalo seguira redactando outras obras, que en comparación con esta, chámanse “menores”, pero que teñen un valor incalculable desde moitos puntos de vista, poético, filolóxico, político, filosófico, etc.

    O terceiro momento, o máis importante, foi o da redacción definitiva que, como acabamos de subliñar, durou aproximadamente unha vintena de anos contando os primeiros deseños do proxecto e os quince ou máis cando Dante perdeu toda esperanza de regresar a súa amada Florencia. Desde ese momento traballou sen descanso na redacción e nela seguiu traballando ata o mesmo momento da morte, no ano 1321.

    Noutras columnas falaremos con máis precisións da composición dos tres cantares: Inferno, entre os anos 1304-08, de certo non máis aló do 1309; Purgatorio, composto entre os anos 1308-1312, de seguro antes do 1313 e o Paraíso, 1316 -1321. É moi probable que Dante se dedicara a realizar unha profunda revisión dos dous primeiros cantares que, como temos documentado, eran xa coñecidos antes da morte do poeta.

    13 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.