Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Divina Comedia: o título

    SEMPRE se fala de “Divina Comedia”, pero o título que Dante quería darlle á obra era só “Comedia” (ou “Commedia”) –as dúas formas alternábanse na Idade Media–, como lemos nunha epístola que o poeta lle mandou ao seu mecenas veronés Cangrande della Scala: “il titolo del libro è ‘Incomincia la Commedia di Dante Alighieri fiorentino di nascita, non di costumi”.

    Ao longo do poema Dante usa dúas veces “comedìa” con un so m, como en latín, e con acento na última sílaba, a maneira grega, no canto XVI do Inferno: “di questa comedìa, lettor ti giuro” e máis adiante no canto XXI “che la mia comedìa cantar non cura” que demostra o que acabamos de dicir. Nas outras dúas ocasións nas que Dante se refire ao longo do poema utiliza “sacrato poema”: “e così, figurando il paradiso, /convien saltar lo sacrato poema” (Pd, XXIII, vv 61-63) ou “poema sacro”: “Se mai continga che ‘l poema sacro /al quale ha posto mano e cielo e terra” (Pd, XXV 1-2). Pero xa desde o primeiro momento convén dicir que o título, por suposto, non ten nada que ver coa comedia no senso actual, senón que se titula comedia por dúas razóns: Dante nunha das súas obras máis importantes: De vulgari eloquentia, distingue tres tipos de estilo: elexíaco (ou humilde), cómico (ou mediano) e elevado (ou sublime), como é o caso da Eneida de Virxilio.

    Dante, tanto no sentido lingüístico como narrativo quería facer unha obra con estilo nin tan humilde, como corresponde á lingua vulgar, nin tan elevado como o da traxedia e, por outro lado, porque se é verdade que empeza mal: Dante, perdido nunha selva escura que alegoricamente significa a vida privada da dimensión espiritual e reducida unicamente á simple dimensión material e física, remata ben: Coa axuda da súa amada Beatriz, o poeta termina a súa viaxe no ceo, coa conseguinte salvación que é o fin último do home.

    O adxectivo “divina” que no título precede ao substantivo, e co que definitivamente pasou a formar unha parella indisoluble, é un engadido posterior, que aparece por primeira vez nunha edición veneciana do ano 1555, sen dúbida seguindo os pasos de Boccaccio, o primeiro en cualificala así para suliñar a súa importancia e a súa altura e perfección e ademais, por tratarse dunha obra divina en canto ao seu contido.

    Queda claro, xa que logo, que Comedia pretende cualificar tanto á elección do argumento e o seu desenvolvemento, como a elección expresiva e lexical. No Inferno Dante usa unha linguaxe baixa, no Purgatorio un léxico que se vai elevando cada vez máis, ata chegar ao Paraíso, dun estilo moi refinado e elaborado como corresponde.

    20 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.