Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Do berce á tumba

    Dicía Beatrice Webb, a nai do Estado do benestar, que “a democracia non consiste en que se multipliquen as opinións ignorantes” senón en facer do imposible algo crible e que o revolucionario sexa, en realidade, reformista. A economista e reformadora social inglesa impulsou xunto con Sidney –o seu home– unha nova forma de goberno co fin de garantir que toda a cidadanía goce dun mínimo vital que lle permita unha vida civilizada. As súas teses serviron de inspiración a William Beveridge para trazar o Estado de benestar británico e o sistema de pensións públicas, que algún tempo despois copiarían os países europeos mais avanzados, ate converter ao sector público no garante dun nivel de vida baixo do cal ningunha persoa debera caer.

    A tese de Webb baseábase en que debe ser o Estado, e non a caridade, quen cubra as necesidades básicas das persoas no acceso á sanidade, á educación pero tamén quen garanta, dun xeito socialmente aceptable e economicamente xusto, as xornadas laborais infinitas sen dereitos e con salarios paupérrimos.

    Rematada a Segunda Guerra Mundial, a idea do house-keeping state ou o Estado que administra os recursos deixou de percibirse coma un disparate para converterse no anhelo das sociedades mais avanzadas. O auxe da socialdemocracia europea introduciu de facto as teses económicas mais avanzadas, capaces de aliviar as dificultades da poboación ao tempo que a idea da protección das xeracións presentes e futuras tiña coma obxectivo último de evitar un conflito bélico coma o que viña de destruír Europa. Unha garantía innegociable durante décadas ate a alianza Thatcher-Reagan, que revitalizou o neoliberalismo a partires dos oitenta, e mudou algunha das máximas anteriores.

    En España o Estado do benestar chegou con atraso, coma case todo, mais a modernización do país chegou coa democracia e tras a adhesión á daquela chamada Comunidade Económica Europea. Avanzouse da man da descentralización que trasladou ás comunidades autónomas a responsabilidade básica do Estado de benestar coa transferencia das competencias de sanidade, educación e servizos sociais. Son as comunidades autónomas as protagonistas do cambio histórico que viviu a cidadanía deste país, cunha educación que serviu de ascensor social e unha sanidade pública considerada coma a “xoia da coroa” do sistema á que ningunha persoa está disposta a renunciar.

    Os cambios económicos, demográficos e sociais que se viviron na última década claman por unha reforma en profundidade do sistema, na que se analicen as cuestións máis relevantes e se atenda de xeito urxente ao importante. A Grande Depresión do 2008 cambiou moitas cousas, entre elas tamén a esencia da prestación dos servizos públicos, que foron os grandes sacrificados. Unha taxa de reposición cero durante anos ou de cobertura dunha praza por cada dez persoas que se xubilaban ten consecuencias no tempo e estanse a padecer agora na sanidade, mais non só. Alá polo mes de marzo do 2020, o Foro Económico de Galicia organizou unha xornada de análise e reflexión inserida na xeira de traballos Galicia 2040 á que asistiu como convidado experto o doutor Rafael Bengoa, quen –antes de que fose decretada a pandemia e sen saber os efectos que tería– debuxou un horizonte de futuro exactamente igual ao que se está a vivir na atención primaria en España. O problema, que xa estaba diagnosticado, agravouse coa covid-19, mais o tratamento está receitado. Cómpre actuar na estrutura do sistema, alén de poñer necesarias solucións conxunturais, cada quen coa responsabilidade que lle corresponde.

    14 feb 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito