Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Do Naturalismo antigo ao Ecoloxismo actual

    NATURALISMO, ecoloxismo, educación ambiental son conceptos confusos para moita xente e usados, ás veces, inadecuadamente.

    O naturalismo está relacionado co coñecemento da natureza e pode tratarse tanto do estudo da mesma por parte de profesionais como de amantes da natureza, de artistas ou de intelectuais que a teñen como base das súas afeccións, expresións plásticas, literarias...

    En base a isto, considérase naturalista, na primeira acepción, a un estudoso ou estudosa, non profesional, de calquera rama das ciencias naturais: botánica, micoloxía, zooloxía, xeoloxía... Poden ser estudosos concienciudos, pero non teñen porque ser científicos, xa que non posúen formación regulada como científicos e, por consiguiente, non teñen porque saber exercer a profesión de investigador como tal.

    A partir destes amantes da natureza, e para defendela, nace o movemento ecoloxista. O ecoloxismo é unha corrente de pensamento ideolóxico ou filosófico, que indubidablemente leva asociada a defensa e protección do medio ambiente e, evidentemente, posúe unha actitude política persoal (dereitas, esquerdas ou propia), aínda que normalmente se asocia a esquerda, non ten porque ser así. Polo tanto un ecoloxista é a persoa que é partidario e defende activamente a filosofía ecoloxista.

    Ao desenvolverse o movemento ecoloxista, e ao darse a coñecer a degradación continuada sufrida polo medio ambiente, xurde a necesidade da Educación Ambiental, que trata de transmitir coñecementos e ensinanzas á cidadanía en relación coa protección do entorno natural, para mostrar a importancia fundamental de resgardar o medio ambiente, para nós e para os nosos descendentes. O obxectivo primordial é xenerar hábitos e conductas na poboación, que permitan ás persoas tomar conciencia dos problemas ambientais, incorporando valores e dándolles ferramentas para que tendan a prevenilos e resolvelos.

    A Educación Ambiental é impartida por un educador ou educadora ambiental (profesor, biólogo, monitor de tempo libre...), un profesional que traballa na formación de individuos en conexión coa natureza e que está comprometido coa creación de actitudes que leven asociadas o cuidado e a conservación do medio ambiente, ademais de intentar construír valores, habilidades e comportamentos novos dirixidos hacia eses obxectivos.

    Todas estas persoas poden pertencer ou non a unha asociación, é dicir, a un grupo que actúe legalmente rexido por uns estatutos, que lle dan a calidade de persoa xurídica, e que foi creado mediante acordo de tres ou máis individuos, que se comprometen a compartir coñecementos, medios e actividades para conseguir uns fins lícitos, comúns e de interese xeral ou particular dos seus asociados e as súas asociadas.

    23 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.