Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Don Camilo e a feminidade

    O único camposanto do mundo onde o inverno semella primavera é o de Iria Flavia. “Allí morir es sano” –como se di no poema do cemiterio de Juan Ramón– e visitalo é saudable para o oficio de vivir. Ao longo destes pasados anos fun facendo amizade con algúns dos nomes que latexan sobre as pedras máis vellas. Gústame facer uns minutos de meditación vivificante a rente delas. Adoro o recuncho das nenas que alí levan un século ou dous a durmir, e sobre as súas lousas protectoras sempre leo estas palabras de eterna tenrura: “La niña... subió al cielo”. Quen sería a primeira nai (ou o primeiro pai) que, tronzada pola dolor, viu subir cara ao ceo a alma da súa entraña.

    E metido nesta cisma voume achegando a don Camilo, que neste momento ten á súa beira unha parella de xente nova que, indo cara a Vigo para se bañaren no mar das bombillas de Nadal, pararon un anaco en Iria por ver a residencia do premio Nobel. Está el dándolle cultura a ela: “Era un facha de mierda, pero escribió Cien años de soledad”. E despois disto a parella vaise, collidos da man en busca do seu coche e seguir camiño. Véxoos ir perfilándose no gris da mañá dun destes nosos días de puño e prosas.

    –Coño, si. De vez en cando á xente apetécelle un chisco de incultura e
    barbarie.

    Cóntolle ao noso escritor que acabo de pasar polo recuncho das nenas durmidas na procura do perfume da feminidade cósmica, se cadra por aliviar a insoportable gravidade da “lacra da violencia machista”, da que tanta noticia lacerante tivemos nos derradeiros días deste pasado ano que o demo leve. Había que parar o mundo, don Camilo.

    –Coño, si. Eu non podo presumir de ser pouco misóxino, porque nos meus libros ten máis peso a carne de muller que a pel da súa alma, e moitas veces teño dito “siempre he sido un putero”. Pero aínda así nunca me faltou un algo da sabedoría de madame Chanel, que no seu famoso frasco nº 5 di que “la féminité est éternelle”.

    Iso tamén se aprendía nas escolas e nos institutos de antes, cando os profesores ensinaban romanticismo, que é unha cousa que amansa as bestas. Os románticos ás veces matábanse eles, pero non asasinaban mulleres. Agora todos os analistas cadran en dicir que o remedio contra os asasinos de mulleres está no sistema educativo. Si, pero non nos sirve nin aquela educación autoritaria que atallaba “o neno problemático” (A. Adler) cun par de leches, nin nos serven os sistemas educativos das democracias avanzadas (?) que o atallan cun par de psicólogos. O principal é que a escola ensine aos nenos a teren bo corazón.

    Coño, si. Xa o teño dito: hai que volver poñer de moda a Stendhal.

    06 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito