Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

E a man de Deus chegou ao ceo

    Unha condición case necesaria para que alguén acade a dimensión de mito é morrer cando non toca. A diferencia dos xenios ou dos persoeiros lendarios, os mitos sitúanse por riba do ben e do mal. Calquera manifestación escura das súas vidas pasa a formar parte da respectiva condición mítica, circunstancias que se poden aplicar a Diego Armando Maradona.

    Ninguén ten dereito a xulgar os seus excesos, a súa autodestrucción continuada, porque xogou a fútbol coma poucos fixeron e, ao cabo, iso é o que conta. Pero non só iso. Houbo xogadores de lenda –Pelé, Di Stefano, Kubala, Best, Messi e tantos máis- pero ningún acadou a condición de mito nacional e popular coma Maradona.

    E do mesmo xeito que houbo un continuo tóxico na súa vida, tamén houbo esa memoria da súa orixe en Villa Fiorito, unha “vila miseria” bonaerense. Unhas orixes humildes que cos anos, proxectou na súa amizade con Fidel Castro, Hugo Chávez, Lula e Evo Morales. Ou cando, á pregunta dun xornalista mexicano sobre se sentía presión despois dunha derrota do equipo que adestraba, manifestou que o que é verdadeira presión é a que sinte quen se ten que acordar ás catro da mañá para gañar uns pesos que alimentarán os seus fillos.

    Unha condición mítica que veu axudada pola súa condición de arxentino. Se hai un país capaz e de xerar mitos por necesitalos, ese é a Arxentina, unha nación que historicamente quixo ser o que nunca puido ser. Desde cando Buenos Aires rivalizaba con Nova York imitando ser París e a economía arxentina era a oitava mundial, ata cando definitivamente pasou a ser un país do Terceiro Mundo pero sen acadar a condición de BRICS emerxente.

    Uns mitos que estiveron vinculados ás clases populares e á celebridade mundial. Desde o inaugural Carlos Gardel, morto nun accidente aéreo en Medellín en 1935, ao que seguiu Eva Duarte de Perón, morta de cancro aos trinta e tres anos, personificación das esperanzas das masas obreiras arxentinas. A ese olimpo engádese agora Diego Maradona, heroe popular e heroe nacional.

    Máis alá da estrita condición de futbolista marabilloso, os dous goles marcados a Inglaterra na final da Copa do Mundo de México 1986, redimiron a derrota arxentina na guerra das Malvinas. Dous goles ben opostos: o marcado coa axuda da man (bautizada como “a man de Deus”) e o segundo, resultado dun ataque que superou diversos xogadores contrarios e que quedou como o mellor tanto da historia dos mundiais.

    Pero sendo como era un futbolista de éxito, foi capaz de xerar unhas ilusións que ben axiña lle concederon unha condición divina. Así, despois da súa fichaxe millonaria polo FC Barcelona –daquela presidido por Josep Lluís Núñez-, o seu traspaso á SSC Napoli revolucionou o fútbol italiano. Con Maradona, por primeira vez un equipo meridional gañou o scudetto. Foi na tempada 1986-1987. Recuncou na 1989-1990 e excepción feita do campionato gañado en 1970 polo Cagliari, todos os títulos restantes foron obtidos por equipos da metade setentrional, Roma incluída. Con Maradona, o Nápoles tamén gañou unha copa da UEFA.

    Aquela época supuxo unha auténtica inxección de autoestima para os napolitanos, sempre vistos con desprezo polos setentrionais que forxaron a unidade italiana. Non hai dúbida que a chegada de Maradona estimulou os negocios da Camorra, desde as apostas ilegais ata o subministro de cocaína ao astro arxentino e á súa contorna. Pero ao cabo, moitas das actividades ilegais e ilícitas da mafia napolitana movíanse nas marxes que deixaba a hexemonía económica do poderoso norte piemontés, lombardo e toscano. En Nápoles, Maradona comezou a ter unha dimensión divinizada, ben axiña outorgada pelos tifosi locais.

    E tal condición –como sucedeu tamén cos arxentinos- non podemos afastala da súa capacidade de xerar ilusións, a única riqueza á que os pobres poden chegar. Ilusión en seren alguén colectivamente fronte aos poderosos, fronte aos que dominan e gañan de xeito supostamente natural campionatos ou millóns na bolsa. Cando os desafiuzados da vida colleron a Maradona coma bandeira, tamén eles estaban a gañar un campionato mundial contra Inglaterra ou unha liga contra o Juventus, o Milan ou o Inter.

    Joaquim Ventura

    26 nov 2020 / 14:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito