Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

É de ben nacidos...

    COIDO que a gratitude é unha das grandes virtudes humanas. Pero este agradecemento hai que entendelo de forma ampla. Agradecer non é só sinónimo de grazas, non. Agradecer consiste en recoñecer todo o bo que nos ofreceu, e nos ofrece a vida e que nos permitiu e nos permite ser o que somos no presente. Debemos ver máis alá do tanxible e agradecer cada día, cada amencer, cada raio de sol... un sentimento que podemos identificar coa espiritualidade pero que tamén ten a súa cara terreal que nos leva a ser agradecidos con cada persoa que, ao longo da nosa vida, nos apoiou, nos dirixiu boas palabras, nos valorou... A gratitude non consiste en pagar para recibir, nin en dar algo a cambio de algo... estamos a falar dunha actitude. Actitude ante a vida e ante os demais.

    En momentos de individualismo extremo, de felicidade asociada a éxito inmediato, a pandemia fíxonos conscientes a todos desa necesidade de agradecer. Agradecemos o labor dos sanitarios, das forzas da orde, dos panadeiros, do persoal de limpeza... Por unhas horas, por uns días o protagonismo recaeu en heroes anónimos que, a miúdo, nin sequera son recompensados polo seu traballo de forma xusta pero que non por iso deixan de cumprir coas súas obrigas coa mesma paixón, co mesmo nivel de implicación e compromiso ca outras figuras que vemos día si e día tamén nos medios atesourando seguidores e euros, como mínimo, con moito menos esforzo.

    Son agradecementos necesarios e que contribúen a unirnos como pobo e como sociedade e que, sen ningunha dúbida, contribuíron a sentirnos ben con nós mesmos durante o confinamento. Pero este sentimento non debe aparecer só nos momentos en que nos sentimos débiles ou vulnerables, como aconteceu coa crise, senón que cómpre traballalo para conseguir que se converta nunha marca do noso carácter e do noso día a día.

    Existen estudos que demostran que as persoas agradecidas son máis felices. Non o sei. Cada persoa ten a súa propia definición de felicidade e é feliz á súa maneira pero si creo que unha persoa agradecida se sente máis tranquila e en paz consigo mesma. Aristóteles, o gran pensador grego, lembrounos que o ser humano se converte no que habitualmente fai.

    Dá para reflexionar o tema pero empecemos por converternos en persoas agradecidas sempre, non só en momentos ou circunstancias excepcionais, e fagámoslles caso aos nosos maiores cando nos repetían aquilo de “é de ben nacidos ser agradecidos”.

    31 ago 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.