Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

E eu con estes pelos!

    XA falei de médicos nalgún destes artigos e ben parecera que quixera falar outra vez de sanitarios se me viran a indumentaria coa que pasei pola perruquería, case uniformada para entrar ao quirófano, salvando as distancias. E é que se algo ten esta nova normalidade é que non é normal.

    Hai quen ten a sensación de que esta vida, con estas restriccións, xa vén de lonxe, case como se sempre fora así. Pero non, houbo unha primeira vez na que o Goberno anunciou que se decretaba o estado de alarma e o conseguinte confinamento.

    Xa entón, neses inicios, cando todos tratabamos de entender que era o que podíamos facer e o que non, ou a que tipo de establecementos teríamos acceso, as perruquerías foron motivo de polémica, ao ser consideradas nese momento como servizo esencial e, polo tanto, coa consigna de poder continuar a súa actividade. Foi unha apertura que nin se chegou a materializar, xa que, como recordarán, axiña houbo unha rectificación para que permaneceran pechadas.

    Sí, moito rimos, porque se algo non faltou nin falta nestes tempos difíciles é o humor. Moitos chistes e grazas se fixeron co asunto de manter as perruquerías funcionando cando case todo se paraba.

    Semellaba todo un esperpento iso de saír á rúa para ir arranxar a cabeza (por fóra, que por dentro xa é outra cousa), pero canto tardamos en dicir aquelo de “e eu con estes pelos”? Canto agardamos en pedir cita en canto foi posible? E é que teño que dicir que o da corentena deixase notar, e non a que estivemos pasando todos á vez, digo esa que ten máis que ver coa traxectoria vital e da que os peliños dan cumprida fe, mal que nos pese.

    Eu doulle as grazas á miña perruqueira Loli, polo seu compromiso persoal reflectido perfectamente en todas as precaucións que tomou para poder atendernos con garantías, ou alomenos intentalo. Xa sabía eu que alguén que xa te peiteou para facer a Primeira Comunión, non che ía fallar agora. E que ela non nos falle leva detrás moito gasto de material (guantes, batas de usar e tirar, calzas, capas dun só uso, desinfectantes...), por máis que moitos pensen que nun mes se van forrar.

    17 may 2020 / 00:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.