Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

E que pasou logo o 23-F?

    ACEPTAMOS que o rei Xoan Carlos salvou na noite do 23-F de hai corenta anos a democracia española. Aceptamos que non existiu o Pacto do Capó.

    Aceptamos que, como dixo o monarca esa mesma semana, “non hai nada que investigar”.

    Aceptamos que non houbo unha trama civil por detrás do golpe de Tejero.

    Aceptamos que o encrucillado que publicou o diario Egin, onde aparecían todos os datos daquel golpe militar, foi unha casualidade, que se lle ocorreu a alguén na axencia Efe.

    Aceptamos unha celebración que non ten xeito e, xa que logo, tamén ao “pulpo como animal de compañía”.

    Pero se o 23-F o golpe non triunfou e o rei salvou a democracia, porque non se reformou aínda a lei de secretos oficiais que o PNV leva demandando desde hai catro lexislaturas?

    E se esta data é unha festa para conmemorar por “todos os españois”, porque logo do 23-F se aprobaron tres leis antidemocráticas como ben sentenciou o Tribunal Constitucional? Referímonos a Lei de Defensa da Constitución, a de Harmonización Autonómica e a da Protección da Seguridade Cidadá, a da Patada na porta do socialista Corcuera.

    Segundo a LDC, nación só se lle podía aplicar a España, a bandeira española debía de pendurar en todos os actos e en todos os edificios e o idioma español era o único que se podía usar para dirixirse a todos os estamentos estatais ou a outros “rexionais”... E, desde aquelas, hai que xurar a Constitución.

    Con estas leis expulsáronse aos tres parlamentarios do Bloque-PSG, que xa tiñan a condición de tales, con estas leis condenáronse a múltiples sindicalistas por manifestarse, con estas leis detiveron a políticos nacionalistas, con estas leis veu o café para todos nas autonomías, con estas leis acosaron aos mestres que daban clases en galego, con estas leis impedían manifestacións como as do Día da Patria... Con estas leis procesáronme por escribir que Galiza era unha nación... E véñenme dicir a min que o 23-F non pasou nada!

    Aquí pasou o que pasou, como ben dixo Iglesias Corral noutra ocasión.

    27 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito