Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

E, se de súpeto, vivimos en galego?

    UN día, hai anos, no período intermedio entre a promulgación da Lei de Normalización Lingüistica de Galiza do 1983 (xa van alá case 40 anos) e o tempo presente, vin en televisión galega un anuncio que tiña como lema “Vivamos como galegos”. Case me emociono. Pensei que alguén –habilísimo publicista– tiña a ben utilizar ese carácter adormecido do orgullo patrio para levantarlle a moral á xente ao mesmo tempo que anuncia sopa; debía de se tratar dun cambio de rumo na política empresarial do grupo de capital galego.

    Benvida sexa a intención e o logro. Sucede, non obstante, que os gozos, ás veces, non son totalmente alcanzábeis na súa magnitude total. Esa vida nova oferecida a cabalo alazán, tordo ou perlado (as cores van cambiando cos anos) é de Nadal. Quero dicer que é dun só día ou dunha tempada de ‘buenismo’ festivo en que o ánimo ao maior e mellor consumo debe ir ben acompañado de sentimentos positivos. O resto do ano, case que tanto ten, e dígoo porque observei con sorpresa a participación da empresa á que me levo referido, e que todos sabemos cal é, na promoción das actividades que se celebran cada ano por estas datas nun sitio distinto: “La Toja”.

    Un lugar que reúne, por iniciativa do chantadino Amancio López Seixas como promotor principal, o máis selecto, é dicer, autoridades do máis alto nível das institucións do Estado –incluído o actual Borbón– e que está exactamente no mesmo lugar que A Toxa. Non concibo como a pegada paleta ou as ansias de ser “finito” ou imperial son quen de traducir macarronicamente (ademais) un nome proprio, un topónimo. É como se eu, facendo uso dese paletismo, lle chamase a un banco promotor “Jabanca”, a unha compañía de seguros que tamén participa “Xafre” ou a unha compañía eléctrica do grupo de apoio “Jibercrola”. Imaxinense a lea: falta de precisión, falta de ortografía, falta de coñecemento, falta de sentido..., mais a falta á Lei de Normalización Lingüística non conta, non existe ou non importa nada. Só é falta a miña bulra e non a violación da lei e bulra do país que levan a cabo ano após ano de forma teimuda, persistente e impune os organizadores, as empresas que o patrocinan e as autoridades que o lexitiman cao súa presenza e benzón.

    Do contido do Foro deberíamos nos ocupar noutro espazo, xa que a pretensión é ser un ponto de encontro empresarial, político e intelectual (segundo propria declaración). Deberíamos examinar ese contido que se presenta baixo o lema de “Vínculo Atlántico”: comezouse presentando respeitos á OTAN e felicitándose como europeos unidos pola guerra. Iso xa nos pareceu perfeitamente coherente coa foto da inauguración: rei, presidentes, ministros, empresarios, á fronte dun cadro unicamente masculino en louvor e representación da parte liberal e ortodoxamente atlántica do mundo. Si é evidente que a convocatoria ten un poder por riba de toda dúbida: poder de concitar interese político, empresarial e novamente empresarial/política. Será un intento de un Davos á galega con topónimo deturpado?

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.