Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O SAL DA TERRA

As letras de noso naquela longa noite

    Se de algo tería que servir facer anos é saber evitar calquera arrouto sectario. Cousa que no caso da análise das letras galegas non sempre resulta doado. Non o digo polos autores, que traballo dabondo tiveron e teñen para publicar e acadar algún éxito. Dígoo pola perseveranza e a reiteración dos especialistas (comezando polos propios profesores de literatura) para non moverse dos tópicos e dos lugares comúns das nosas letras. Vaia iso pola visión petrificada que se ten da Balteira ou da chamada Xeración Nós, por poñer dous exemplos.

    O recentemente aparecido cuarto volume da Historia da Literatura Galega . De 1936 a 1975. A longa noite (Xerais), de Xosé Ramón Pena, constitúe –como o foron os volumes precedentes-unha vacina contra tal inmobilismo crítico. Se na primeira entrega non tiña en conta aquel tópico dos “séculos escuros” da literatura galega (ao cabo, en Galiza tampouco houbo produción salientable en castelán naquel tempo pero nunca se deixou de escribir en galego), na terceira deixaba evidente que os homes agrupados na revista Nós foron decisivos, sen dúbida, pero non formaron unha xeración.

    Teño que recoñecer que na análise dos catro volumes aparecidos ata hoxe non poido ser obxectivo. Ao cabo, actuei –dalgún xeito- de acompañante, tanto pola amizade que de hai anos me une a Moncho Pena como pola total complicidade cos seus puntos de vista á hora de encarar a impresionante empresa de analizar a literatura galega sen ataduras. Tamén eu fun iconoclasta cos homes de Nós na miña tese de doutoramento en 1997 e coa posterior publicación do que foi o meu traballo de curso O nacionalismo kármico de Vicente Risco.

    Indo ao cuarto volume desta Historia da Literatura Galega temos que congratularnos de que o seu esquema responda aos mesmos criterios dos anteriores: boa contextualización sociopolítica, rigor na análise das obras, inclusión de aparato crítico cos estudos específicos de outros investigadores. Foron os anos que van de 1936, cando o silencio foi imposto en Galiza, ata 1975, cando coa morte do ditador rematou ese período. E neses anos, temos o paralelo que houbo entre aqueles que desde o exilio podían manter acesa a chama (Blanco Amor, Seone) e aqueloutros que con mellor ou peor fortuna pero sempre con sacrificio, tentaron tecer de novo unha literatura na lingua do pais desde o interior.

    Entre estes, os que –activos antes da guerra- estiveron en primeira liña á hora de erguer novos proxectos editoriais, con Galaxia como símbolo (Piñeiro, Fernández del Riego, Otero Pedrayo), como os que regresaron ás letras galegas cunha capacidade inédita para dignificalas (Cunqueiro). Tamén aqueles da xeración seguinte que desde o aberto compromiso coa política de esquerdas (clandestina, naturalmente) souberon –ou tentaron, polo menos- dar voz aos esmagados coa súa poesía (Ferreiro, Novoneyra, Méndez Ferrín, Manuel María).

    Unhas letras –na narrativa, na lírica, no teatro- a contracorrente que non podían obviar os correntes que chegaban de Europa (e de América) e que non sempre eran ben vistos pola vella garda do galeguismo, máis preocupada ás veces por conservar o pouco acadado que por proxectar vieiros de futuro. Un equilibrio non sempre doado de manter entre os que semellaban practicar a acomodación e os que, malia eles, resultaban provocativos a unha sociedade aínda pechada sobre si mesma, de man propia e de man allea.

    Un discurso, este do cuarto volume, valente malia que aínda vivan algúns dos protagonistas obxecto da análise ou que a lembranza da vida de moitos outros aínda a teñamos recente. A partir de agora xa non haberá escusa para continuar cos lugares comúns na literatura de noso. Agora, coa obra de Moncho Pena, hai fiestras abertas e as correntes de aire que entren na casa das letras galegas, tal vez teñan que actuar como a proba do algodón que dicía aquel anuncio e decatarnos que non é ouro todo o que reluce.

    Porque aínda temos materias pendentes e non é difícil sinalar os seus responsables. A incomodidade segue a ser considerada herexía e nese olimpo que é o Día das Letras non sei se son todos os que están pero o certo é que non están todos os que son. E verbo dalgún deses incomodantes, como Ricardo Carvalho Calero, Pena defende o dereito á herexía.

    05 abr 2019 / 18:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito