El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

TRIBUNA LIBRE

XABIER VILA-COIA

A Xunta, a valedora do Pobo e o galego

22.11.2018 
A- A+

O ARTIGO 14 do Estatuto de Autonomía de Galicia contempla unha institución similar ao Defensor del Pueblo, recollida no artigo 54 da Constitución Española e cuxo labor é defender os dereitos fundamentais estabelecidos no Título I da Carta Magna.

Mediante a Lei 6/1984 do 5 de xuño de 1984, do Valedor do Pobo, creouse dita figura para a protección destes dereitos constitucionais, e para a tutela dos dereitos individuais e colectivos dispostos no Estatuto, principalmente os do seu Título Preliminar.

Entre os dereitos estipulados neste Título Preliminar cómpre destacar os referidos á nosa lingua, recoñecidos no artigo 5, do cal quixera destacar o punto 3: "Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas [galego e español] e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento".

Tan relevante énos esta cuestión que o nome idóneo para designar a devandita institución sería Valedor do Pobo e do Idioma de Galicia. Porque os habitantes de Galicia temos uns dereitos lingüísticos estreitamente vinculados ao emprego do galego, que é o alicerce da nosa identidade como pobo. Pero tamén o galego como idioma, como ente vivo emanado da nosa humanidade e que á súa vez apórtanos esa humanidade, posúe o seu propio dereito a ser utilizado por todos aqueles que o coñecen; é dicir, ten dereito a ser falado, escrito e non deturpado: ¡Ten dereito á vida!

A lingua nosa necesítanos para non desaparecer, para continuar sendo, n­unha clara manifestación do conatus spinoziano, segundo o cal todas as cousas esfórzanse, no que está ao seu alcance, para perseverar no seu ser. E a xente galega somos quen estamos máis a carón das súas verbas, de aí a nosa responsabilidade na súa supervivencia. Nós posúemos o galego e o galego posúenos a nós

Por iso magóame tanto que sexa a Xunta de Galicia, os seus funcionarios, e até a actual valedora do Pobo, os que incumpran non só esa obriga moral, senón tamén as normas legais.

Foi co gallo dunha reclamación presentada en Vigo o pasado mes de agosto contra da negativa dun estabelecemento a emitir a preceptiva factura. Por morar eu en Madrid, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, derivou a documentación á Dirección General de Comercio y Consumo (DGCC) da Comunidad de Madrid. Hai semanas recibín unha notificación do IGCC nese sentido, escrita en castelán, cando a reclamación fixéraa en galego; idioma no que correspóndelle contestarme de acordo coa lexislación vixente.

Acudín en amparo á valedora do Pobo, dona Milagros Otero Parga, quen concluíu o expediente -aínda que sexa coa posibilidade de reabrilo- argüíndo que en primeira instancia contestóuseme en español en aplicación do artigo 15.3 da lei de procedemento administrativo.

Porén, o citado texto legal determina que se traducirán ao español os documentos dirixidos ás administracións que non teñan o galego como lingua cooficial, pero non así os remitidos aos interesados agás que estes o manifesten expresamente, cousa que eu non fixen.

Máis non remata aquí o desprezo polo noso idioma e pola ética profesional que debe guiar o traballo dos funcionarios.

Acudín a consultar o expediente á sede da DGCC, na madrileña rúa de Ramírez de Prado, onde comprobei, asombrado, que a documentación foi devolta ao IGCC por non traducila ao español, reclamándoselle que o faga "En cumplimiento del art. 15.3 de la Ley 30/2015 del Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas".

Isto acontece porque a meirande parte dos empregados públicos galegos son incompetentes no idioma de Galicia, e non o utilizan nin de xeito oral nin na escrita. Por iso, no caso de ter que dirixirse ao administrado en galego non o levan a cabo de maneira directa, senón que teñen que traducir do castelán á nosa lingua; e como lles resulta dificultoso, non o fan. Polo mesmo motivo, tamén non trasladan ao español os textos en galego, inda que estean obrigados pola lei.

Despois de case corenta anos de política de normalización lingüística non é admisíbel, baixo ningún pretexto, semellante resultado. É preciso facer moitísimo máis; sen demora e sen pausa. Ou o galego esmorecerá, e o pobo galego xunto con el.

Politólogo e antropólogo