Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Economías domésticas e ‘familias’

    SEMELLA que a medida que vai transcorrendo a realidade creada nos medios de difusión social, adquírense novos hábitos na linguaxe común que poden ser froito de ocorrencias dalgún/ha relativamente mal aparellado en vocabulario, que, como se sabe, adoita representar un contido conceptual. É numerosa a listaxe de termos que son inexactos pero que van calando, até se converter na concreta daquel que desexaba que fora admitida polas academias da lingua para designar croqueta, co argumento peregrino de ser máis aquelada a súa pronuncia.

    Confundir fenómenos meteorolóxicos con clima, ou designalos como climatoloxía, é común. Identificar análise de variábeis de medida da saúde con analítica é case universal. Utilizar desplome para indicar caída é moito máis dramático, mais non exacto..., e así cunha boa chea de casos similares.

    En economía, a categoría familias non existe como tampouco é moi próximo á representación da realidade utilizar en política xente. En economía, a categoría economías domésticas representa o conxunto axentes económicos particulares. É dicer, non son empresas, nen sector público nen sector exterior.

    As economías domésticas por definición actúan exclusivamente no ámbito do privado e consomen, aforran ou titulan bens mais a función de investimento e de produción está nos outros ámbitos. Para falar da cota das economías domésticas –así como a súa evolución tendencial– na participación da distribución da renda, o adecuado non é falar de economías domésticas, nen de familias, por suposto, nen de fogares. Familia é un termo que mesmo en socioloxía é polisémico. Non hai unha familia, como non hai muller ou un home: hai familias de moitos tipos e roles sociais.

    A familia dun/ha banqueira non é igual que a familia de dous asalariados, nen igual que a familia reinante, nen igual que a familia dun empresario –con éxito ou sen el– que ingrese rendas de capital e non de salario. As denominadas familias non son unha categoría que garde homoxeneidade interna para poder falar delas en termos inclusivos. Refírámonos, por tanto, no seu lugar, e para distinguir a vida doméstica da das empresas, e, por outra parte, para coñecer a participación na distribución funcional da renda falemos de asalariados e empresarios.

    Os asalariados por definición receben rendas do seu traballo e non poden viver sen el, e os empresarios receben e viven das rendas de capital. A parte gris desta división e que pode xerar perguntas: e se se receben rendas mixtas de capital e de salario? De novo a fronteira analítica está na dependencia do salario para viver ou non: ese será o límite que marca a pertenza a un grupo ou a outro.

    Un ex-asalariado xubilado con pensión de xubilación que recebe dun aluguer unha parte do 20% dos seus ingresos non pertence á clase empresarial, cousa que si diriamos dun xubilado que percebe rendas de aluguer de 20 vivendas. Non é nen sequer a propriedade o criterio de clasificación senón a natureza das súas rendas.

    Para nos referir á situación declinante do benestar dos asalariados é preciso examinar salarios percebidos, beneficios obtidos e dividendos repartidos. E aí si que atoparemos a fonte da desigualdade crecente.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.