Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Educar o gusto

    A nosa veciña Amalia, miña segunda nai, non estaba alfabetizada. Dalgunha maneira, aprendemos xuntas a ler naquelas cantigas de cego e nas fotonovelas que ela mercaba nas feiras en Verín. Tamén liamos nun misal con historias de mártires e santos. Aínda sendo eu moi nena, a querida Amalia outorgábame intuición e moita credibilidade.

    Nunha ocasión, a fotonovela iniciaba o conto polo final, e ela preguntoume sorprendida se quererían enganarnos ou se sería un erro ao ordear as páxinas. Eu, tan cativa, díxenlle que enganaban para facernos pensar. Fíxena rir con ganas. Mágoa que finara tan pronto, e antes de que eu puidera revelarlle as complexas tramas de tempo e espazo que ía descubrindo nas miñas lecturas adolescentes de La casa verde (1966) de M. Vargas Llosa e El ruido y la furia (1929) de W. Faulkner.

    Son moitas as maneiras de relatar para provocar efectos variados. Desde contar acontecementos sucesivos ordeados nunha historia, ata provocar sensacións de inquedanza, positividade, intriga, noxo, medo... co que se describe, e mesmo pasando por narrativas que obrigan a matinar. Sandra Ollo, directora da editorial Acantilado declaraba hai uns días (El País Semanal, 11/10/2020) que ela “non sabería editar para truáns. Non podería pensar en non cansar ao lector. Eu quero abrirlle portas incomodando se fai falla”.

    Como é natural, os estilos de contar definen as entregas culturais, dan perfil e tamén pegada aos autores, e sobre todo enriquecen as posibilidades de desfrute particular dos destinatarios-consumidores. De aí que resulte cando menos chamativo que nalgúns casos se fagan valoracións radicais e tan parciais de filmes con selo propio como é o do director T. Malick. Sábese de antemán que o cineasta texano busca antes que nada facer sentir, que o espectador trema ao notar emocionalmente o que viven os protagonistas das súas películas. A linguaxe narrativa descorre en imaxes e música, case non hai diálogos e aínda menos secuenciación lineal de acontecementos.

    Nos seus dous filmes recentemente estreados en Europa, Malick debuxa retratos impactantes dos baleiros sentimentais e existenciais de persoaxes en plena voráxine vital, mais sen folgo interior. A maneira de plasmar o caos e a falta de raizame de Rick (Ch. Bale atormentado está soberbio) en Knight of cups (2015) é mediante a sucesión rápida e (aparentemente) desordeada de momentos da súa vida. A banda sonora funciona como eco das dificultades do protagonista para pór os pés na terra. Malick fai sentir o baleiro existencial, a anguria, e a perda de rumbo de Rick sen necesidade de verbalizalo en diálogos. Son tan efectivos os fotogramas de imaxe e música, que o espectador chega a sentir compaixón tenra cando Rick balbuce “como hei comezar?”.

    Nesta mesma liña, en Song to song (2017), Malick pinta en trazos grosos, mais afiados, relacións de poder veteadas con vínculos sentimentais triangulares. A confrontación de miradas entre M. Fassbinder e R. Gosling é un valor engadido para estimar a película. De novo, estampas humanas de vidas apuradas que non se poden relatar senón con poesía fotográfica e musical que afogue nesas fervenzas emocionais. Este é o cinema de Malick, indutor de sensacións mediante filmes cargados de sensibilidade. O espectador cavila porque sente.

    Quizais non abonde con filmes que contan con relato, se cadra convén fixarse e valorar as películas que narran por experimentarmos sensacións. Camiños de aprendizaxe, que diría meu pai, “hai que cultivarse”. Lema este que as miñas amizades e eu vertemos en “Imos educar o gusto”. Suxerenicia: ir ver a recén estreada Lúa vermella (2020) do noso Lois Patiño.

    04 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.