Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eleccións madrileñas en feminino?

    UNHA pandemia mundial como non había desde hai máis dun século. Unha moción de censura nunha comunidade autónoma que non foi adiante, pero que fixo de efecto bolboreta. Un adianto de eleccións autonómicas noutra comunidade, a da capital do Estado, nin máis nin menos. Cinco partidos políticos no taboleiro e tres mulleres cabeza de cartel (Isabel Díaz Ayuso polo PP, Mónica García por Más País e Rocío Monasterio por Vox). Eleccións nun día de semana, un martes laborable. Circunstancias extraordinarias para un tempo extraordinario.

    Malia todo, a Democracia fixo o seu labor e unha desas mulleres, coñecida popularmente como Ayuso, gañou as eleccións. Ríos de tinta sobre os resultados e o seu efecto no resto do país, aínda que o que sucedeu en Madrid non se pode extrapolar por dúas razóns, para min, moi poderosas: Todas as persoas que se adican á política saben ben que o centro ideolóxico é o máis numeroso, así que hai que conquistalo para acadar o goberno; iso foi o que fixo Ayuso. Ademais, unha porcentaxe moi elevada de votantes –diría eu que preto da metade– son moi esixentes cando depositan o seu voto, que van mudando en función das súas simpatías en cada momento. Isto xa pasaba coas municipais, pensarán vostedes, mais non pasaba coas outras eleccións, como as autonómicas ou as xerais, e agora pasa. Por iso o voto é hoxe moito máis volátil que tempo atrás e entender as claves de cada proceso electoral pode significar gañar ou perder: Ayuso e o seu equipo entendérono ben; de aí o seu resultado.

    Xa que logo, reducir España a Madrid é unha simpleza moi simple, valga a redundancia. Tan simple como crer –ata facer gala– que os gobernos “femininos” son mellores.

    Porque non está demostrado que o sexan. E iso que ata a comunidade internacional ten dado os seus parabéns a países como Alemania, Etiopía, Dinamarca, Nova Zelanda ou Eslovaquia pola maior rapidez e éxito na resposta á pandemia e pola característica especial de seren todos eles dirixidos por xefas de goberno, poñendo baixo os focos unha suposta “eficacia do liderado feminino”. Pero se unha raña un pouco a superficie, descobre que Alemania respostou ben á COVID-19 na primeira onda, pero moi mal nas seguintes, ademais de ser un dos países europeos máis machista institucionalmente (teñen negado as cuotas desde hai décadas). E que dicir de Etiopía, presidida por unha muller “controlada” por un home á fronte do goberno e onde nin sequera o 5% das mulleres chegan á universidade.

    Quizais se chegara a esta conclusión porque segue na conciencia colectiva a idea de que as mulleres asumen unha carga moito maior no coidado dos menores e persoas dependentes porque teñen unha sensibilidade especial. Quizais esa idea paternalista se lle escapou á comunidade internacional.

    Quizais ninguén afondou preguntándose en que teñen mellorado a súa vida as mulleres madrileñas nestes últimos dous anos de goberno doutra muller. Quizais ninguén se parou a pensar que, pode haber mulleres á fronte dos gobernos, pero moitas levan pantalóns de home e basean o seu poder nunha estrutura xerárquica machista. Así é difícil afirmar a existencia de eleccións madrileñas en feminino.

    07 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.