Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Emigrantes galegos na defensa de Bos Aires

    NO ANO 1806, en xuño, hai máis de dous séculos, 1.600 soldados británicos con oito canóns, ao mando do coronel Beresford, atacaron por vez primeira Bos Aires. Daquela a cidade tiña uns 42.000 habitantes. Non había ningunha urbe dese tamaño na Galiza, e Montevideo da outra banda do río, a 200 quilómetros, non chegaba aos 10.000. Bos Aires era capital do Vicerreinado do Río da Prata (colonia española), fundouse no ano 1776, e comprendía ademais do que hoxe é Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia, aínda que grandes zonas destes territorios non foran conquistadas, e os povos autóctonos aínda mantiñan o control destas áreas.

    Sobremonte, o Vicerrei, mesmo tendo tropa abondo para resistencia entregou Bos Aires aos ingleses. No mes de agosto dese ano uns 3.000 homes mandados por Liniers iniciaron o asalto á cidade ocupada, para o que contou con tropas chegadas de Montevideo e milicianos do interior da provincia. Os ingleses son derrotados. Mais non aceptaron o triunfo dos bonaerenses e envían moitos máis soldados á zona, e en febreiro de 1807 toman Montevideo. No mes de xuño dese ano Whitelocke –novo comandante británico- decide atravesar o río da Prata e atacar por segunda vez Bos Aires, contando para isto con 110 barcos e uns 10.000 soldados.

    Liniers para garantir consolidar a reconquista de Bos Aires convoca aos cidadáns segundo a súa orixe para formar milicias (entre elas do Reino de Galiza). Por este motivo o 17 de setembro Antonio Cerviño, nado en Campo Lameiro, organizou o “Tercio de Gallegos” integrado por 536 homes. O seu segundo no mando era o Comandante José Fernández Castro, nacido no Ferrol en 1755, ao que se lle considera o primeiro espía ao servizo da causa arxentina. Entre eles tamén había fillos de galegos, por exemplo Bernardino Ribadavia, capitán dunha das compañías, quen sería o primeiro presidente da Arxentina. O mesmo Cerviño, enxeñeiro, foi o primeiro director da Escola Náutica de Bos Aires, despois da independencia.

    O día 5 comezou o ataque inglés. Na zona do Retiro estaban a punto de perder o lugar por falta de munición, polo que o capitán da compañía dos “Granaderos de Galicia” solicitou permiso para desaloxar aos británicos mediante a baioneta. O capitán dos granadeiros galegos Jacobo Adrián Varela fixo unha carga, na que foi seguido por soldados dos batallóns de Mariña e Patricios, que obrigou a recuar aos atacantes.

    Esta acción considerouse a máis gloriosa das que se executaron na defensa da cidade. En total foron 602 homes que fixeron retroceder a 3.000 británicos aos que lles causaron 600 baixas. Os ingleses terminaron por tomar a posición, Varela recuou cun “tercio” e outros 300 caeron prisioneiros. O día sete, despois dunha batalla nas rúas cos británicos, que lles causou a estes moitas baixas, aceptaron renderse a Liniers.

    No libro “El Tercio de Gallegos” de Horacio Vázquez afirma que á Compañía de Granadeiros do Tercio correspondeulle defender un lugar chave como era Retiro e a veciña Praza de Touros, que só distaban mil metros da fortaleza e da Praza Maior, puntos neurálxicos da cidade. O resto do “Tercio de Gallegos” repartiuse en distintos lugares de Bos Aires. Os días 3 e 4 de xullo grupos de galegos armados acosaron con guerrillas aos británicos.

    Sábese que houbo galegos en todos os corpos que defenderon Bos Aires. Segundo Cerviño, “pódese afirmar sen esaxeración que 1.500 empuñaron as armas e que a súa sangue foi a de maior proporción de todos os “Tercios europeos”. Teñamos en conta que Liniers, comandante en xefe das forzas defensoras, mandaba en total uns 8.000 homes. O numeroso das tropas de orixe galega reflicte a importancia da emigración na cidade xa naquel entón.

    Un antecedente histórico para entendermos polo que durante a primeira metade do século vinte serían medio millón os galegos os que residían en Bos Aires, daquela xa unha gran metrópole. Tamén constitúe unha evidencia máis de que a emigración galega non só foi a traballar e facer cartos, tamén destacou noutros ámbitos da cultura, política... aínda que non fosen poucos os muros (tamén a morriña) que dificultaba a súa total integración.

    23 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito