Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

En contacto co italiano

    TEMOS dito máis dunha vez que a Italia pódese ir actualmente por diversos motivos. Comerciais: feiras, exposicións de coches, de motos, de mobles, de moda, de cine; por eventos deportivos de motor, de fútbol, baloncesto, atletismo, ciclismo, montañismo; de vacacións nun medio rural, nas infinitas praias ou nas estacións de esquí aproveitando a neve que chega dende as fronteiras alpinas, pasando polos Apeninos ata o Etna.

    De todos son ben coñecidas as excursións ligadas cun feito relixioso, precisamente católico: Santa Sede, Vaticano. Todas as ordes relixiosas teñen casa en Roma. En San Pedro celébrase e gáñase cada certo tempo un xubileu universal, instituído na Idade Media polo inimigo do noso benquerido Dante, o papa Inocencio VIII; canonízanse ou beatifícanse solemnemente santos ou beatos entre a ledicia e devoción dos seus paisanos que ao mellor en decenas de autobuses foron percorrendo e parando en diversos pobos e cidades do traxecto; aquí os bispos e acompañantes fan as visitas preceptivas ad limina e nos seus colexios e seminarios estudan varios anos seminaristas de todo o mundo.

    En Italia hai, como en países veciños, moitos santuarios de carácter local. Pero hainos moi internacionais que chaman devotos de moi lonxe: Virxe do Rosario de Pompeia, Loreto, Montecassino, Padua, Monte Sant’Angelo ou a turinesa Saba Santa.

    Seguramente os salesianos e os seus amigos pasarán por Turín, mentres os franciscanos levaran os seus confrades á belísima Asís ou no seu entorno, a Perusa e Gubbio; na reserva deixan a San Antonio de Padua, santo de orixe lisboeta pero particularmente venerado naquelas terras. Non fai falta unha devoción particular para admirar as catedrais de Rávena, Trento, Orvieto, Viterbo, Siena, Pisa coa súa torre, Florencia, Milán.

    Por se isto fora pouco, esquecendo singulares estruturas urbanas con inverosímiles prazas, eses centros teñen dos mellores museos do mundo: Brera, Exipcio, Oficios, Vaticano, os arqueolóxicos... E realmente é imposible falar dos seus pazos: Casserta, Palermo, Mantua. Particular atención merece a mercantil Xénova La superba, con nada menos que 40 pazos catalogados pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

    E se falamos de grandes teatros, visibles en circuítos turísticos, ata nos chegan os ecos dos da Fenice, San Carlo, Scala, Massimo, Bellini, Arena de Verona. E aínda non falamos nada de Pompeia, Herculano, Agrigento, Paestum, Segesta, Selinunte...Todo o mundo recoñece o mausoleo ou o Capitolio, pero queda a Arena de Verona ou os sicilianos de Catania, Siracusa o aéreo sobre Taormina. E non falamos nin de castelos, nin de abadías, nin de cartuxas,

    Polas academias de arte italianas pasan pintores, músicos, cineastas, actores, cantantes; Venecia, Nápoles, Siena, Milán ábrenlles as súas portas. Hoxe o intercambio de estudantes, os Erasmus, facilitan unha longa estancia en distintas sedes universitarias, menos rechamantes en nome que as grandes cidades citadas, pero con tradicións universitarias incluso superiores, como poden ser Padua, Boloña ou un berce médico, a campania Salerno.

    Os estranxeiros tiveron e teñen a posibilidade de realizar estudos regulados, aparte de curso de verán, existen universidades específicas como Reggio Calabria, Siena ou Perusa, xa con unha longa tradición académica. E desta cidade umbra gustaríame enfiarlles no próximo encontro unhas curiosas notas léxicas.

    22 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.