Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

En disputa o reparto na cadea de valor

SE hai algo que destaca na Unión Europea nesta conxuntura é o medre da conflitividade laboral e social, como consecuencia da inflación e un menor crecemento do PIB (será no futuro negativo en moitos países?...). Unha crise que ten unha relación coa confrontación e sancións a Rusia por parte do G-7, e a actitude seguidista da UE respecto de Washington, o que puxo en cuestión un proceso produtivo cunha enerxía barata.

Unha substitución de petróleo e gas (e outras materias primas) que non é doada e que ademais terá en principio importantes custes, xa que as enerxías alternativas non abranguen todas as necesidades, e a construción de centrais atómicas leva tempo, son caras e constitúen un risco. Afectando á competitividade, e polo tanto ao emprego e aos ingresos salariais, das pensións e prestacións, e das pequenas e medianas empresas.

Polo tanto, a disputa entre Estados Unidos e Arabia Saudí e outros países produtores de petróleo e gas, respecto de cal debe ser a produción e o prezo, reflexa que a crise mundial vai para alén da rivalidade entre as grandes potencias sobre un mundo unilateral ou multilateral (daquela a postura da OPEP+). Implica que o capitalismo está esgotado, non ofrece saídas pacificas e constituír maiorías. Polo que os governos teñen recursos moi limitados e ademais como potencias consumidoras marcan prazos para substituír ás enerxías fósiles.

En poucas palabras: os países produtores están forzados a aproveitar ao máximo seus recursos e desenvolver novas actividades que lle permitan manter o PIB actual e construír un modelo alternativo. Tampouco se pode obviar que entre os grandes importadores xa non está Estados Unidos, mais si a UE e as potencias asiáticas (China, Xapón, Corea do Sur, Paquistán, Turquía, etc).

Non semella que sexa doado que a UE poda manter a súa competitividade repetindo o pasado no prezo da enerxía fósil (aínda que baixe algo). O sistema non se sostén. Ademais as potencias occidentais foron perdendo peso no PIB e na demografía mundial. Daquela que collesen relevancia países como Irán e Venezuela, demonizados até hai uns meses, coa finalidade de aumentar a oferta e superar a demanda para reducir o prezo e gañar tempo (mais son moitos anos de presións e desconfianzas, non serán doados os acordos).

Nesta conxuntura na que as potencias hexemónicas xóganse tanto, chegan mesmo a cualificar de especulativos os ingresos das súas grandes empresas privadas, obviando que foron as políticas neocoloniais as que deron pulo a estas dinámicas. Ademais nalgúns países, mesmo monarquías absolutas, son as empresas estatais as que explotan estes recursos que son reinvestidos en infraestruturas e fondos de investimento (os resultados están á vista, aínda que sexan cuestionábeis).

En poucas palabras, neste intre, por distintos motivos, a confrontación por un mundo unipolar ou multipolar, non é só unha disputa entre occidente e China e Rusia, senón que pola súas características sistémica afecta a outras potencias rexionais e países con governos, para os que é esencial a soberanía, non só para evitar as intervencións imperialistas, senón o conxelamento de activos e reservas, o control da información... En resumo: o modelo está esgotado.

As sancións volvéronse un búmerang, daquela que a protesta popular tamén teña como centros de mobilización a Alemaña, Francia e Italia, ou sexa aos países máis poderosos da Unión, e que tamén se alargue ao Reino Unido malia que xa non pertenza á UE.

É así porque esta crise atinxe dun xeito moi especial aos centros político-económicos da Unión Europea, e ademais todo indica que non terá capacidade para transferirlle todos seus efectos á periferia como fixo en situacións anteriores.

28 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito