Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Ence e o Estado de Dereito

O Tribunal Supremo (TS) non é unha segunda ou terceira instancia, senón o órgano xudicial que, na orde contencioso-administrativa, unifica a interpretación xurisprudencial do Dereito Administrativo estatal. Xa que logo, só admite para trámite os recursos que teñan un interese casacional, é dicir os que requiran unificar esa xurisprudencia para acadarmos a seguranza xurídica que esixe o Estado de Dereito. Neste senso, é moi reiterada a doutrina do TS limitando a admisión da casación só para resolver problemas xerais vencellados con esa seguranza xurídica e non pretensións particulares, por máis que éstas sexan lexítimas e poidan atinxir a moitas persoas.

Non coñecemos aínda nin o texto da sentenza que estimou determinados recursos de casación contra das sentenzas da chamada “Audiencia Nacional” que anularon a prórroga que o Goberno Rajoy outorgara a Ence estando en funcións para seguer a ocupar dominio público marítimo-terrestre na ría pontevedresa nin o do voto particular que anunciou contra dela a maxistrada Ángeles Huet de Sande. Mais si podemos criticar xa algúns elementos da mesma.

Para comezarmos pola propia admisión para trámite, acordada en febreiro de 2022, onde se xustifica esta admisión na trascendencia económica e social da prórroga da concesión obxecto de recurso que “genera empleos directos e indirectos a más de cinco mil personas...”. Mais o TS nos ten dito ducias de veces que a afectación de intereses persoais non determina un interese casacional que só se atopa na necesidade de unificar por mor da seguranza xurídica a aplicación da lei. Como na Animal Farm de Georghe Orwell todos somos iguais, mais algúns sonlles más iguais ca outros. Os empregos directos na factoría de Lourizán non chegan a 200. Canto ao emprego nas oficinas xerais terían que se manter onde queira que se translade a actividade industrial, por se desenvolver a respecto da xestión da cadea produtiva o mesmo ca o emprego indirecto (transporte, explotación forestal, etc.).

Por outra banda o artigo 32.1 da Lei de Costas só autoriza a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación. E resulta que a de Lourizán é a única celulosa no Estado ubicada nesta caste de dominio público, polo que non require desa ubicación por natureza e pode ser transladada a calquera lugar con auga dispoñíbel abonda e dotado de liñas de alta tensión.

Velaí que a confianza no Estado de Dereito sofra con esta caste de decisións. Seguiremos, pois, debullando esta análise nas vindeiras semanas.

14 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.