Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ence, unha oportunidade

    A sentenza do Tribunal Supremo sobre a legalidade da prórroga a Ence para seguir operando durante 50 anos, contados desde agora, debera tomarse, tanto por quen se alegra como polos que están en contra, como unha boa oportunidade cara o futuro. A empresa ofrece diálogo a todos, incluído o Concello de Pontevedra e os grupos ecoloxistas que tamén recorreron a concesión da lizenca, e anuncia compromisos. Non teño elementos de xuízo para desconfiar da súa sinceridade, pero en calquera caso o máis proveitoso para todos sería tomarlle a palabra, negociar as contraprestacións e vixiar o seu cumprimento.

    Queda por coñecer o texto íntegro da sentenza así como a resolución dun recurso pendente, aínda que sendo por idéntico motivo con iguais ou parecidos argumentos e o mesmo tribunal xulgador non parece que o fallo vaia a ser diferente. As opcións de que se pronuncien instancias superiores (Tribunal Constitucional ou a xustiza europea) son escasas, segundo algúns xuristas, pero ata que se esgoten tampouco se pode ter nada por rematado. Non me cabe dúbida que cando menos o tentarán. Lembremos que estamos ás portas dunhas eleccións locais, nas que este asunto será motivo destacado de campaña na área de Pontevedra, cidade e provincia.

    As primeiras reaccións de PP e BNG foron as esperadas. Os populares sacan peito, pois a xustiza dá a razón ao realizado polo Goberno de Rajoy en 2016, mentres que para os nacionalistas é un xarro de auga. O alcalde Lores, talvez por non contar con elo, respondeu de maneira pouco útil, desviando o foco. O estado de dereito é precisamente respectar a separación de poderes. Tanto cando a decisión da Audiencia Nacional coincidía coa súa posición política como agora no que o Supremo sentencia o contrario. Resulta máis acaída a reacción dos socialistas galegos e do propio grupo municipal de Pontevedra. Veñen a propoñer borrón e conta nova. Mirar cara adiante.

    Aos que durante tanto tempo loitaron por acadar o peche da factoría hai que reprocharlles que non propuxesen alternativas. Houberan tido, polo menos, razón moral. Máis aló das cuestións legais, é innegable que esta industria constitúe un importante activo económico para Galicia, máis necesario hoxe que nunca dada a difícil situación e perspectivas de futuro da nosa industria, sobre todo a das grandes empresas. Ence, máis que unha planta situada nun lugar determinado, é un motor económico con especial incidencia positiva nas zonas máis deprimidas desta terra.

    O anterior pronunciamento da Audiencia Nacional, sen ser firme, freou plans de desenvolvemento da empresa para satisfacción da planta asturiana de Navia. Moitos dos investimentos en modernización previstos foron agochados. Agora que as tornas cambiaron é preciso recuperar o tempo perdido. Non cabe dúbida de que os seus traballadores, que en todo este tempo mantivéronse na trincheira loitando a pesares das adversidades, van colaborar decididamente no empeño. E as administracións públicas tamén deberían. Sen deixar de exercer os seus dereitos, tanto o Concello da cidade como a Deputación Provincial han ser quen de promover accións conxuntas coa empresa para beneficio xeral.

    E no ámbito autonómico, a Xunta ha de insistir con máis forza que nunca para que Ence modernice a planta de Lourizán e acelere o anunciado proxecto de As Pontes. É o momento oportuno.

    10 feb 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito