Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Entre a industria e a agricultura

    SEGUNDO informou o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) dende o pasado 1 de febreiro e deica este próximo abril os produtores poden presentar a solicitude única de axudas directas da Política Agraria Común (PAC) para a campaña 2021. Logo de finalizar o período de aplicación 2014-2020 da actual PAC, esta norma asegura un marco estábel para que agricultores e gandeiros poidan percibir do Estado 7.000 millóns de euros cada ano(2021 e 2022) ata a entrada en vigor da nova PAC.

    Ao longo da primeira quincena de xaneiro a Xunta de Galicia, ao través das consellerías do Medio Rural e do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, fixo públicas no DOG unha serie de axudas vencelladas ao sector agrogandeiro. As axudas na agrograndeiría e a pesca son necesarias para o desenvolvemento económico de Galicia, máxime nunha longa e crítica etapa de pandemia que estamos a padecer.

    Tamén o traballo industrial vive esta situación, pois como ten dito Daire en Maximes de gouvernement o artesán destrúe en subsistencia o que produce polo seu traballo. E compre ter en conta que aos empresarios que fan fortuna só porque outros fan gastos. O valor non se forma nin crece pola produción, senón polo consumo. E no dicir de Mirabeau en Philosophie rurale: “O crecemento do valor venal que se debe á clase estéril é o efecto do gasto do obreiro e non o do seu traballo. Xa que o home ocioso que gasta sen traballar produce o mesmo efecto a este respecto”. O valor soamente aparece onde os bens desapareceron; e o traballo funciona como un gasto: forma un prezo da subsistencia que el mesmo consumiu.

    Nembargantes, non se trata de que o traballo dos obreiros se retribúa mellor: a competencia que hai entre eles tende a manter os seus salarios no nivel do que é xusto indispensábel para a súa subsistencia. Respecto aos beneficios dos empresarios, é certo que os prezos de monopolio (que se nos define como a situación comercial na que unha empresa controla de maneira exclusiva o comercio dun determinado produto fixando os prezos) os fan crecer, na medida na que aumenta o valor dos obxectos postos a venta; máis este aumento non é outra cousa que a baixa proporcional do valor de cambio das outras mercancías. En aparencia, a industria aumenta os valores; de feito, desconta do cambio mesmo o prezo de unha ou de varias subsistencias. Si existe un prezo de monopolio, os prezos de venta poden elevársenos moito.

    Unhas conxunturas que se evidencian tamén con respecto ao traballo agrícola mesmo, de tal xeito que o obreiro que sementa non ten un estatuto diferente que o que tece ou transporta; non é máis que un dos instrumentos do traballo ou do cultivo, instrumento que ten a necesidade dunha subsistencia e a desconta dos produtos da terra. Como en tódolos outros casos, a retribución do traballo agrícola tende a se axustar exactamente a esta subsistencia. A agricultura é o único dominio no que o crecemento do valor debido á produción non equivale ao mantemento do produtor.

    28 mar 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito