Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Entre favores e afagos

    NA práctica non hai xenerosidade senlleira, leva case sempre a compaña da prevista compensación. Vaia en termos materiais de comenencia, vaia para aquietar conviccións relixiosas ou morais, hai un envés no sermos xenerosos. De feito, colle da man esoutra actitude da reciprocidade: facermos un favor para que nolo devolvan. Non hai altruísmo sen expectativa, quedamos á espera con pretensións sobre o que han facer, ou como han ser os outros.

    A miña xeración foi en grande medida alfabetizada mediante fábulas, eses contos breves nos que dialogaban animais en representación humana, e que, con fórmulas indirectas, facían ver intencións agochadas. Pedagoxía en maiúsculas para formarse en ironías, e saber ler miras ocultas. Quen non lembra a célebre fábula de Esopo A raposa e as uvas, e a importancia de perseverar? Ou as fábulas de Samaniego A leiteira, e a Chicharra e a formiga, sobre os riscos de soñar desperto, e o valor de ser constante?

    Na nosa casa era común un dito retranqueiro que alertaba sobre os favores, e tamén sobre os afagos. Meu pai dicía: “Que bueno (buena) é!”, e xa estabamos pensando cal era a comeniencia asociada ao feito-favor. Aprendizaxe desde cedo ao redor das expectativas que se habían derivar das asistencias ou loanzas.

    Certamente, se as pensamos, non é doado desenvolverse nen entre favores nen entre enxalzamentos. Sentírmonos valorados sexa pola necesidade ou a falla de algo, sexa polos méritos e galardóns, significa estarmos suxeitos a criterios alleos de observación que non resultan cómodos e desexables para todos.

    Nesa novela soberbia, La hija del sepulturero (2007, Random House), a grande escritora norteamericana, Carol Joyce Oates (1938), relata os xeitos dunha nai, Hazel Jones, para que o seu neno, Zack, acochara tanto a súa procedencia coma o seu talento, e así evitar avaliacións e rexoubas (“Agocha todo o que saibas. Como ocultarías calquera debilidade. Porque é debilidade saber abondo entre outros que saben tan pouco”).

    Hai moito de exposición e de case mostrarse espido e sen certezas na continua necesidade de eloxios. Para algúns resultan ata obscenos, por non requeridos ou por reiterados, os aloumiños recuncados. Mais tócannos tempos de redes telemáticas de estimación imparable con apreciacións rápidas de me gusta, reutites e replicacións. Fatigosa a sensación de xuízos súbitos improvisados.

    Aqueles que, por profesión, nos vemos por forza metidos entre roupaxe valorativa, asistimos a situacións esperpénticas de distinto cariz. O grotesco caso do afamado historiador Orlando Figes (1959), a quen non lle abondaban as gabanzas dos seus libros compartidas cos eloxios sobre as publicacións doutros autores, ata o punto de, nas redes e valéndose dun fiado anonimato, acedar el mesmo as obras dos colegas con xuízos velenosos.

    Depositar nos afagos as expectativas de ser o mellor, o único. Como na fábula de O corvo e a raposa, polos embelecos pérdense a razón e a dignidade.

    04 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.