Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Envexa

    SENTIR TRISTEZA POLO BEN alleo, é unha cousa bastante común. A envexa é un pecado moi castigado na Divina Comedia: os pecadores, entre outras cousas, levan os ollos cosidos con arame. A modo de exemplo vexamos os insultos que Dante profire aos habitantes da Toscana, en vinganza por ser a rexión que o mandou ao exilio, e particularmente a Florencia, cidade que o veu nacer e a que tanto amou e que a pesar diso, o expulsou para sempre.

    No canto XIV do Purgatorio dous pecadores dialogan a propósito do poeta florentino, ao que lle piden que se identifique –xa sabemos que o feito de que Dante estea vivo é algo que estraña a todos– . Dante non di directamente quen é e de onde vén senón que usa unha perífrase: “Per mezza Toscana si spazia / un fiumicel che nasce in Falterona, /e cento miglia di corso non sazia” (vv. 16-18) é dicir que estamos a falar dun río moi largo que nace en Falterona e recorre toda a Toscana. Un dos pecadores dáse de conta con toda claridade de que se trata do río Arno. O outro comenta que é moi lóxico que o poeta sexa moi reticente a mencionar unha vale tan espantosa, e opina que é mellor esquecer un lugar onde os seus habitantes son tan felóns, traidores e desleais, carentes de toda virtude que semella que a maga Circe lles dera de mamar –sabemos que, valéndose das súas artes máxicas, Circe tiña o poder de transformar os homes en animais, como recorda Homero na Odisea–.

    Esta terrible vale comeza no Casentino cuxos habitantes son porcos inmundos, merecedores só de comer landras como alimento “...brutti porci, più degni di galle / che d’altro cibo fatto in uman uso,” (vv. 43-44). Aínda que parece ser unha clara referencia aos casentinos, podería ser que o poeta aludira concretamente aos condes Guidi (e a súa familia, señores de Porciano).

    Despois do Casentino e seguindo a ribeira do Arno, éntrase no territorio de Arezzo; os aretinos preséntanse como cuzos afoutos “botoli ringhiosi” que sendo pequenos con pouca forza non valen máis que para ouvear, moito máis do que lles pode permitir a súa potencia. Un pouco máis alá o Arno fai unha curva grande, que a medida que vai recibindo afluentes, vai aumentando de caudal e vaise atopando primeiro cos florentinos que xa non son cans senón que se transforman en lobos (desde o primeiro cantar a loba é o símbolo da avaricia), e finalmente atópanse os pisanos aos que chama “Volpi sì piene di froda / che non temono ingegno che le occùpi”, porque son tan estafadores que non temen que ninguén os poida enganar.

    Desde logo a ninguén se lle pode escapar que a descrición da Toscana é destrutiva, moito máis alá da realidade, pero non hai que esquecer que un dos obxectivos da Divina Comedia é de vinganza contra os seus inimigos.

    17 ago 2020 / 00:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.