Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eólicos?, non no meu patio

PRACTICAMENTE todas as enquisas realizadas no mundo occidental en relación coa opinión que teñen os cidadáns sobre a enerxía eólica seguen a mesma pauta: a nivel global, unha aceptación maioritaria desta forma de enerxía, limpa e renovable, valoración que se mantén, en xeral, como moi favorable ao se referir á escala dos estados, pero que cando se sitúa no contorno dunha determinada localidade comeza a xerar xa todo un conxunto de problemas que fan, ás veces, que sexa moi difícil que os proxectos de parques eólicos cheguen a bo porto. De feito, unha boa parte deles fican arrombados polo camiño.

Este comportamento que se está a manifestar na actitude de moitos cidadans diante de novas iniciativas de equipamentos, infraestruturas ou servizos, que son aceptados no abstracto e xeral pero rexeitados no máis concreto e próximo, foi definida polos anos oitenta como o Síndrome NIMBY (Non-In-My-Back-Yard = non no meu patio traseiro) e foi aplicada por moitos analistas aos movementos de oposición aos parques eólicos que comezaron a xurdir máis ou menos pola mesma época.

Era unha consideración que directa ou indirectamente cualificaba estes grupos reivindicativos como “egoístas e parroquiais”, fronte aos defensores dunhas actividades que, sen discusión, ofrecían beneficios a toda a humanidade. De todas maneiras, un dos estudosos máis recoñecidos sobre a percepción social da enerxía eólica, o holandés Maarten Wolsink (2007), así como outros, moitos especialista no tema, defenden que esta é unha ollada simplista para un problema extraordinariamente complexo que depende de múltiples factores, e que ademáis carece de capacidade para explicar con claridade as causas do rexeitamento aos aeroxeradores e, como consecuencia, de achegar alternativas cara ás posibles solucións deste enleado problema.

Máis acertadas estímase que son as consideracións sobre a desigualdade e inxustiza que se percibe diante de moitas destas iniciativas, como ocorre co feito de que os cidadáns reciban só unha parte dos beneficios a partir dunhas controvertidas tasas ou compensacións económicas, fronte a ter que soportar todos os riscos e inconvenintes destas instalacións. De igual maneira, se podería considerar a falla de participación das comunidades locais nestes proxectos que se viven como iniciativas totalmente alleas e decididas de arriba-abaixo por parte de promotores ou institucións públicas. Como tampoco se deberían ignorar os evidentes déficits de comunicación que presentan, que na maioría dos casos fica reducida á regulamentaria “exposición pública” abeirando outras canles de información, máis eficaces e directas, coas comunidades afectadas.

En España, no seu plan de transición enerxética está previsto duplicar a potencia instalada de enerxía eólica para o ano 2030. En Galicia, aínda que non existe unha posición oficial ao respecto, diversas análises consideran perfectamente asumible que dos 4.000 megavatios actuais se poderían pasar sen dificultades para esas datas aos 8.000 ou mesmo a perto dos 10.000 se tivésemos en conta a eólica mariña.

Estes números, que concordarían coas demandas globais que nos esixe a loita contra o cambio climático e, que polo mesmo, son de estrita xustiza para poder deixarlle un planeta medianamente habitable ás novas xeracións, terían que ter para os galegos un encaixe territorial axeitado. Por iso, os promotores de parques eólicos, os afectados polas instalación e, sobre todo, os diferentes colectivos que xurdiron como defensores dos seus intereses, deberían chegar a un Pacto Eólico para que, sen ter que caer nas solucións fáciles e dilatorias das moratorias, se atopase un acordo duradeiro e xusto entre as partes.

As administracións estatais e autonómicas deberían ser os árbitros deste acordo, esquecendo as peaxes ideolóxicas e intereses económicos excesivos dos que pecan moitas das súas decisións, así como do curto prazo no que se moven acotío os seus obxectivos. Despois de todo, ceder unha parte do noso patio traseiro para o benestar colectivo non é tarefa doada, polo que se deberían multiplicar os esforzos para establecer todas as canles de entendemento que humanamente sexan posibles.

26 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito