Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Es ou non es... idiota?

    REFLEXIONANDO sobre a situación provocada pola crise a escala mundial e moitas das decisións políticas e económicas que se están tomando, penso a miúdo que “somos idiotas” e lembro a Einstein cando afirmou que había dúas cousas infinitas: o universo e a estupidez humana. E falando de estupidez, quero recordar a Carlo M. Cipolla, un economista italiano que faleceu no ano 2000 e que conseguiu resumir nunha breve obra, escrita cun gran sentido do humor, a súa teoría da estupidez: As leis fundamentais da estupidez humana; como se indica no título, explícalle ao lector ou lectora as leis que rexen a condición de estúpido.

    En palabras de Cipolla: estas páxinas poderán contribuír a “posiblemente neutralizar, unha das máis poderosas e escuras forzas que impiden o crecemento do benestar e da felicidade humana”. Sobra dicir que este ensaio satírico me parece máis actual ca nunca. E cales son esas leis que constitúen un perigo para a sociedade, rexen as actuacións e o devir da humanidade? Pois Cipolla resúmeas, neste ensaio satírico, en cinco:

    1ª Todos subestiman o número de idiotas que hai en circulación. Estou totalmente de acordo con esta afirmación, entre outras cousas, porque sempre pensamos que son os demais e non nos incluímos nós mesmos. 2ª A probabilidade de que unha persoa sexa estúpida é independente das demais características que a distingan (está distribuída de forma equitativa entre todas as razas, clases e condicións sociais).

    3ª Unha persoa estúpida é aquela que lle provoca perdas a outra persoa ou grupos de persoas sen gañar nada a cambio e incluso sufrindo perdas (o incauto perde mentres outros gañan; o intelixente gaña xunto cos demais e o malvado busca gañar aínda que perdan todos os demais). 4ª As persoas non estúpidas subestiman o poder das que si o son e asociarse con estas é un erro con grandes custos. 5ª As persoas estúpidas son o tipo de persoa máis perigosas que existe, incluso máis ca as malvadas e sempre deixan a sociedade peor do que a encontraron.

    Grazas ao sentido do humor e á sátira conséguese interpretar realidades moi complexas e, aínda que nestas liñas as citadas leis só están enunciadas, convidan á reflexión, a pensar, a repensar e a preguntármonos: Estou/estás no grupo dos estúpidos? Creo que, tanto que a resposta sexa si como que sexa non, todos temos a obriga de formarnos para poder manter a raia estúpidos, a estúpidas e a estupidez, así como as consecuencias das súas accións na humanidade e no mundo que nos acolle.

    15 jun 2020 / 22:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.