Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Esa lei galega de saúde

    CANDO nas miñas clases do Programa de Maiores da Universidade de Vigo explico a diferencia entre un dereito fundamental e un dereito a secas, o alumnado enténdeo á primeira. E a razón non é outra que o superior grao de protección que teñen os dereitos fundamentais, necesariamente regulados por lei orgánica, cos requisitos e maiorías que para este tipo de lei exixe a Constitución e só nacendo das cámaras estatais, nunca dun Parlamento autonómico.

    É dicir, ata eu son capaz de explicar con claridade que os dereitos fundamentais á liberdade ou á integridade física (cando me vacino) non se poden regular por calquera, nin de calquera forma, nin vulnerar por calquera de calquera maneira.

    Nestes días, a Fiscalía do Tribunal Supremo emitíu un ditame no que abordou xustamente iso: mentres a lei non estableza obriga de vacinación, non é posible invocar razóns xenéricas de saúde pública ou baseadas na especial vulnerabilidade de determinados grupos de persoas para xustificar a vacinación forzosa. Porque, dixo a Fiscalía, nin a lexislación sanitaria ordinaria nin o decreto do estado de alarma establecen o carácter obrigatorio das vacinas.

    O anterior significa, nin máis nin menos, que a decisión é individual e depende do consentemento de cada persoa e que, en caso de conflito, decidirá a autoridade xudicial. Por certo, xa hai unha norma sanitaria modificada por mor da COVID-19, que é unha lei orgánica –a de Medidas Especiais de Saúde Pública 3/1986– e que non impón a vacinación obrigatoria.

    Cae polo seu propio peso ese argumento de bombeiro de que debería ter sido o Goberno do Estado quen o lexislase, porque xa o fixo modificando a dita lei orgánica no mes de marzo.

    Non obstante, esa lei galega de saúde que se acaba de aprobar regula a obriga de se vacinar, provocando, como ben se dixo no debate parlamentario, “un chanzo máis para alentar ao negacionismo irredento, inxenuo e ignorante que pon as vidas en perigo”. Unha decisión que ningún país da UE ten tomado, nin sequera aqueles países que obrigan ás vacinacións infantís.

    Na Política que eu disfruto e que me gustaría ver, a información, a concienciación, os argumentos para convencer e a pedagoxía deberían ser a base para a defensa da vacinación colectiva. Ese é o camino. Non as imposicións autoritarias e, moito menos, ese camiño e discurso trampeiros de “fixemos a lei en Galicia para, se chega o caso, obrigar a vacinar cando as autoridades competentes o consideren por motivos de saúde pública”.

    Porque esa posibilidade xa a había desde marzo cando se reformou a lei (orgánica) de 1986. Xa había seguridade xurídica: a que dá unha lei (repito, orgánica) que limita de forma legal os dereitos fundamentais, cando un Tribunal de Xustiza así o impoña.

    Afirmar que non hai seguridade xurídica é unha falacia, unha irresponsabilidade máxima e contradí a realidade: en Galicia, antes desa lei galega de saúde, a autoridade xudicial xa decidira a vacina forzosa para unha persoa incapacitada xudicialmente, en contra do consentemento da persoa encargada da súa tutoría legal.

    Xa que logo, fíxose e sen ter que castigar a ninguén por protexer a saúde dos cidadáns, pois ese castigo só sería posible por vulnerar a Constitución. E para iso xa temos ao Tribunal Constitucional. Herois, os xustos!

    06 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito