Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Escoitando sempre

    É frecuente un xesto, unha maneira de estar, que gardamos das persoas que nos faltan. O retrato mental de meu pai sempre será o de escoitante arroubado que non pestanexa. Seguía ao pé da letra a Pitágoras “Escoita, serás sabio. O comezo da sabiduría é o silencio”. Era certamente un modelo de aizuchi xaponés, con atención activa ao que lle estaban relatando: tipo Misaki, esa condutora concentrada do soberbio filme de Ryûsuke Hamaguchi, Drive my car (2021). Perfil sen dúbida pouco frecuente nestes tempos tan apurados de egocéntricos e falabaratos.

    A relevancia do Free conversation movement, tan extendido en distintos lugares do mundo, pon de manifesto a urxencia de escoitármonos sen prexuízos nen sesgos de confirmación. Adrià Ballester dinamiza conversas gratis na rúa desde 2016 coma un xeito de promoción psicolóxica e social. Unha maneira de dar folgos, benestar e seguridade aos que precisan ser escoitados sen peneiras. Curiosamente, en Xapón estas conversas libres non son de balde, ofértanse en prezos variados segundo o tempo invertido ou os temas que se desenvolvan.

    Saber escoitar é unha destreza que, coma todas as habilidades, ha cultivarse. Ademais de paciencia, hai dous requisitos indispensables nesa práctica de estar pendente sen anticipármonos ao que nos dicen. Están ao mesmo tempo a atención mantida para comprender, e a memoria concentrada para depositar o relato. Só así se escoita, doutra maneira unicamente se sente.

    Xa nos anos ’60 o lingüista avanzado que foi Roman Jakobson (1896-1983) insistía en que, para entendérmonos, non abonda coa gramática senón que hai que dominar os códigos das intencións. Pórse no lugar do outro. Escoitar é, máis que nada, ter empatía e interese en quen nos fala.

    Nese programa de RNE nas mañás do fin de semana, No es un día cualquiera, abre unha fiestra divulgativa a miña colega catalana, Estrella Montoliu. Todo es lenguaje, que así se chama a súa sección en domingos alternos, salienta as repercusións persoais das conversas, e perfila recursos para receptores desamparados.

    Eses destinatarios rebaixados en interaccións retorcidas ou en mensaxes opacas, e o protagonismo absoluto depositado en quen fala. Coma se non existira quen escoita. O poder simbolizado no papel-monopolio do emisor que goberna o marco comunicativo.

    Así e todo, os participantes escoitantes han ter o seu papel máis aló do monólogo. Montoliu reitera esa necesidade de escoita activa incluso en situacións extremas de persuasión imperativa, ou con persoas velenosas enroscadas no fracaso interactivo. Tanto para abordar conversas delicadas como para tratar con persoas difíciles han desenvolverse estratexias de achegamento e de cooperación que canalicen a pretendida comprensión de quen nos fala.

    Para abrir algunha fenda nos tanques, aceirarse fronte aos francotiradores, fornecerse cara aos resabidos, ou encherse de retranca para os impertinentes, as suxerencias de disposición comunicativa son billas para o escoitante atento. As receitas de Montoliu fan certamente produtiva a relevancia do libro de Rick Brinkman e Rick Kirshner, Cómo tratar con gente complicada. Saca lo mejor de los demás en sus peores momentos (2018, Aguilar).

    O papel do destinatario, de quen recibe as mensaxes, do escoitante da conversa, tense desprezado ou escurecido. Unicamente nos estudos literarios se lle dou marxe coa Estética da recepción de Hans R. Jauss (1921-1997). Con todo, o que se relata só ten senso se hai usuarios finais do que se conta, aínda que sexa para dicir o de aquel escoitante nunha conferencia: “E que ben falou! Non entendín nada!”.

    06 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.