Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escravitude e inmigración, man de obra de reserva e integración

    Co paso da escravitude ao feudalismo a maior parte da man de obra xa non era escrava. Porén, a escravitude non desapareceu, e seguiu sendo máis ou menos marxinal segundo as zonas ao longo de toda a Idade Media e a Idade Moderna, cun uso masivo perante a colonización de América. Existe unha relación íntima entre a colonización de América, a escravitude de millóns de africanos, e a acumulación de riqueza por parte da nacente burguesía das potencias europeas (así xurdiu o capitalismo globalizado). Isto recreou a dependencia e o atraso, tanto nas colonias americanas como sobre todo nas áreas de África fornecedoras de man de obra escrava.

    Ao respecto dinos a Historia Geral de África, editada pola UNESCO: “os imensos recursos das Américas tornaram-se acessíveis a Europa Ocidental, ou seja, a partir de 1492, com o quase extermínio da população indígena (...), nesse momento o papel da África no sistema econômico atlântico modificou-se. A população requerida para garantir as condições internas de uma transformação completa em suas estruturas econômicas e sociais foi transferida, de forma maciça, para as Américas, e empregada, em larga escala, para desenvolver as produções mercantes. As condições criadas por essa fortíssima transferéncia populacional impediram, durante tres séculos, o impulso na produção de bens africanos, tanto ao nível do comércio interno quanto no tocante as exportações, dando assim origem as estruturas de dependéncia.”

    Algúns datos que se deben ter en consideración. Portugal, Terra irmán da Galiza, foi dos que tivo un papel máis destacado na trata, porén tamén foi un dos primeiros que eliminou a escravitude, tanto no interior da nación como na India, o 12 de febreiro de 1761 (no Estado español sería en 1837). Mais ate 1865 non eliminou a escravitude nas colonias. O proceso encetaría coa abolición do tráfico de escravos en 1836 no imperio portugués, a liberación dos escravos do Estado en 1854, e máis tarde os das igrexas, por decreto de 1856. Houbo unha lei posterior que proclamou a abolición en todo o imperio, mais esta non sería definitiva ate o ano 1878.

    Pola súa banda Inglaterra prohibiu o trafico de escravos en 1815, e Estados Unidos declarou a emancipación dos escravos/as en 1863, en plena guerra civil entre a Unión e a Confederación. A liberación definitiva no Brasil foi no ano 1888, aínda que dende 1871 xa existía unha lei de “ventre libre” que evitaba a incorporación de novos escravos. Nas colonias do Estado español, a abolición sería en Porto Rico en 1873 e en Cuba no ano 1880. Considérase que se venderon como escravos entre 1450 e 1900 en América nada menos que 11.313.000 persoas. Unha cifra inmensa se a comparamos cos 1.250.000 europeos que entre os séculos XVI e XVIII foron capturados e escravizados por piratas para traballar nos sultanatos do norte de África.

    Fago referencia a este tema porque, malia o tempo transcorrido e as diferenzas cuantitativas, a hoxe a emigración masiva de persoas da periferia, e no caso concreto de África cara a UE, reflicte máis unha vez con toda claridade a opresión e sobreexplotación destes povos, e como o proceso de liberación nacional estivo moi ligado ao mundo multipolar e ao ascenso do movemento obreiro posterior á Segunda Guerra Mundial. Coa caída da Unión Soviética e a imposición da globalización neoliberal fortaleceuse a dependencia da periferia. Co aumento da opresión e explotación, da desigualdade, os países da periferia convertéronse esencialmente en fornecedores de recursos primarios na cadea produtiva e man de obra barata, tanto dentro como fóra.

    Con estes antecedentes, e neste contexto económico e social, a inmigración masiva da periferia ten (normalmente) no lugar de destino condicións laborais secundarias ou indignas (mesmo tendo carreiras superiores). Como dato concreto no Estado español un 42,8% das familias inmigrantes, e 2/3 dos menores, están por debaixo do chanzo da pobreza. O que amosa ate que punto as portas abertas son unha actitude estética e da falta de políticas de integración e de reparto do do traballo e da riqueza, tamén para os nacidos no pais de residencia. Está situación é extrapolabel a todos os países centrais do sistema económico e social vixente.

    Sen dúbida a cuestión migratoria é neste intre un tema importante, que mesmo divide á sociedade nos países receptores. Ten sua lóxica xa que aumenta a man de obra de reserva e a competencia polo emprego nos chanzos con salarios mais baixos da cadea produtiva entre nativos (ou inmigrantes residentes hai tempo) e aqueles que acaban de chegar a buscan desesperadamente ingresos para sobrevivir. Polo tanto non é un tema que atinxa por igual a todas as clases sociais, e mesmo dentro da clase traballadora depende dos ingresos e da situación persoal (unha parte importante das empregados do fogar e das persoas que atenden a dependentes son inmigrantes). A quen favorece sen dubida é aos sectores con maiores recursos. Polo tanto ten a súa lóxica o debate de regular os procesos migratorios, por exemplo en función da taxa de desemprego.

    Agora ben, non se pode ignorar que moitas destas persoas vense forzadas a migrar (aínda que non son poucas as que se suman ao efecto chamada pola mitificación da situación social no destino; disto sabemos algo os que fomos inmigrantes, no meu caso de terceira xeneración). Polo tanto, o problema está nas razóns da emigración, polo que compren axudas económicas, de transferencia de tecnoloxía, e dun intercambio xusto mediante unha revisión dos valores na cadea produtiva, que permitan o desenvolvemento dos países de orixe. E isto é o fundamental, o realmente solidario, humanitario e digno. Hai que rematar coa opresión, co imperialismo!!!

    Ademais, e xa fixen mención ao tema, débense desenvolver proxectos de integración nos países receptores de inmigrantes, tanto no plano laboral, como social, cultural e lingüístico. A integración non implica sepultar as raíces e culturas propias, que seguiran vivas na familia e nas reunións de paisanos, mais quen emigra debe coñecer e respectar as normas de convivencia, cultura e lingua do país que o acolle. Mais, os dereitos sempre implican obrigacións. Cales, cando e como, son temas discutíbeis, mais non o é a ligazón entre dereitos e obrigas.

    Non son galegos e galegas todos/as as que viven na Galiza, máis sexan ou non teñen iguais dereitos e obrigas. E moitos dos inmigrantes terán fillos/as que serán galegos de nacemento e noutros casos eles mesmos o serán de nación porque optaron por selo, mais esta é unha decisión persoal, que non resta dereitos nen exime de obrigas. Recoñecer esta realidade en todos os aspectos, polo tanto clarificala, sería un paso adiante, máxime cando a inmigración é unha parte considerábel da povoación desta nosa nación, e mesmo que pareza mentira ao mesmo tempo seguimos a ser unha Terra que segue a exportar persoas, e agora tamén capital. Contradicións propias dun país da periferia do sistema.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    23 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito