Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

¿Estará rematando a pandemia?

    A UNHA SEMANA do inicio do inverno o SARS-CoV-2 segue dando mostras de debilidade, permitindo a ampla circulación do virus respiratorio sincitial (VRS), dos virus da gripe, fundamentalmente o A (H3N2), e dos virus do catarro común. Virus aos que non permitiu circular durante a pandemia, salvo en momentos puntuais de debilidade, como fai un ano, na baixada da quinta vaga, cunhas incidencias que facían pensar que a pandemia estaba rematando. A chegada da variante ómicron fíxoos desaparecer de novo, producindo un crecemento case vertical dos casos de covid, a maior ola da pandemia con moitísimos mais casos que ata entón.

    O SARS-CoV-2, tras as dúas vagas ao inicio da fase de mitigación, con picos o 11 de maio (856,56 casos por 100.000 habitantes) a primeira, producida pola liñaxe BA.2 de ómicron, e o 10 de xullo a segunda (1.255,51 casos/100.000 habitantes) pola liñaxe BA.5 de ómicron. A partir de entón comezou a diminuír ata mediados de setembro (129,44 casos/100.000 habitantes) en que volveu a aumentar lixeiramente, pero sen chegar a producir propiamente unha vaga, ata o 19 de outubro (221,58 casos/100.000 habitantes) diminuíndo a partir dese momento ata hoxe (156,69 casos/100.000 habitantes o pasado 16 de decembro), e manténdose a tendencia decrecente en case todas as Comunidades Autónomas.

    As liñaxes e subliñaxes que apareceron ultimamente e espertaron grande preocupación do Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades, como a BA.2.75.2, a BF.7 a XBB e, sobre todo, as BQ.1 e BQ.1.1, non foron capaces co seu incremento: 78,4% na semana 47 (do 21 ao 27 de novembro), de aumentar a incidencia senón todo o contrario.

    A gripe e, sobre todo, o VRS fixéronse os dominantes en Atención primaria con incidencias por 100.00 habitantes que oscilaron para a gripe de 81,3 na semana 45 (do 7 ao 13 de novembro) a 176,4 na semana 48 (do 28 de novembro ao 4 de decembro) e 155,8 na semana 49; e para o VRS de 75,7, na semana 45, a 135,3 (o pico da vaga) na 47, descendo a 55,4 na semana 49. Pola contra, a covid diminuíu de 115,6 na
    semana 45 a 70,4 na semana 49.

    A nivel dos hospitais, a taxa de hospitalización por infeccións respiratorias agudas graves, aumentou desde 15,0/100.000 habitantes na semana 41 a 21,7 na semana 49, debida, sobre todo, polo incremento das hospitalizacións por VRS, que acadaron o pico na semana 47, con 9,0/100.000 habitantes, oscilando as debidas a gripe de 2,9 na semana 45 a 1,2 na 47 e 2,8 na semana 49, e por covid de 2,6 na semana 45 a 1,9 na 47 e 2,7 na semana 49.

    En síntese podemos dicir que, no momento actual, o SARS-CoV-2 está moi debilitado, e de non aparecer unha nova variante, liñaxe ou subliñaxe con forza que se faga dominante e provoque un incremento importante de casos, estaremos no final da pandemia. Por outra parte o VRS acadou o pico na semana 47, e a gripe posiblemente na semana 48 ou está moi preto de acadalo. Gripe que este ano veu adiantada o mesmo que ocorreu no hemisferio sur.

    Queda por ver o que ocorra na China tras abandonar o stop-covid, cunha poboación con pouca inmunidade, pois apenas sufriron infeccións e moitos non están vacinados (sobre todo os maiores, os mais vulnerables) ou non adecuadamente vacinados, en canto ao número de doses recibidas (una ou dúas) e por empregar unha vacina de virus inactivados que ten unha eficacia protectora baixa (55-60%) e menor duración dos anticorpos neutralizantes no sangue.

    19 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.