Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ética e patética

    A desaparición de Luís Villares da política galega deixou a oposición feita un Liliput: que pequeneiros –fronte a Feijóo– parecen Caballero, Pontón e Gómez-Reino. Na súa breve actuación no palco político, é verdade que Villares non alcanzou protagonismo (non é fácil medrar nun xardín de gnomos), pero sempre mantivo o seu agonismo. Ou sexa, un espírito activo de verba e idea –nun sistema de estruturas enferruxadas de longa tradición– que pon o ollo crítico nos “modos de facer” e na ética.

    Agora a canción electoral do trío de panchos da oposición é máis ben a patética. Que falta nos farían algúns fracasados coma Villares, que representou –polo menos escenicamente– durante esta rematada lexislatura unha apreciable conciencia moral. Non sei se sistemática (pero si episódica: que noite a daquel día dos espellos escachados), porque xa nos avisou Maquiavelo de que non é fácil andar da man da ética pola vida e moito menos pola política.

    Precisamente do que andaba escaso Luís Villares era de virtudes maquiavélicas, ás que con tanta familiaridade natural se vén afacendo un certo tipo de político (de aquí e de acolá) artista do “si pero”. Porque tal era a améndoa verbal do ilustre florentino: nondimanco, toscana verba á que lle cadra moi ben a tradución pola nosa palabra patrimonial nembargante ou nembargantes (lexicalización daquela enfática perífrase dos vellos idos: “non embargante isto...”).

    Pero os linguócratas nescientes rexeitárona para meternos incorrecta e rectalmente o lusismo porén, que os galegos deixaron hai séculos fondeado nos tempos alfonsís e alí debe seguir. Porque non é bo andar a fochicar no paradigma das nosas adversativas, que son un cuarto do noso ser (“A lingua é a casa do ser”, dixo Heidegger). Na nosa maneira de ser non só conta o sentidiño senón tamén o “dependiño”. Sempre hai un depende, un pero, un sen embargo, un non obstante, un nembargantes. Nisto cadra un florentino cun galego.

    A Villares faltoulle a arte maquiavélica do “nondimanco”, cuxa práctica seica é sempre virtuosa para a salus republicae, pero é precisamente a falta desta calidade a que deixa sitio para a memoria da ética (coidando de non caír na patética). E só por iso Villares era un valor, que ao final vese que non mereciamos. E alá se foi, porque como dixo un dos políticos con máis altura de miras e alteza de minas (carboníferas), José Blanco (cariñosamente Pepiño), “hay vida más allá de la política”. Pero a vida metapolítica é de dúas velocidades: ou vai lenta coma a ética kantiana ou vai a todo gas cara a un sillón xiratorio onde pagan miles de euros por almorrana cultivada.

    06 jun 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.