Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eu elixo, nós eliximos, ti... elixes?

    A ministra de educación Isabel Celáa e o Goberno socialista decidiron investir en axudas pos covid-19 no ámbito educativo. Todo un acerto. Investir nun servizo público como é a educación constitúe sempre unha prioridade e máis, nestes momentos de incertezas e de complexidades provocadas pola pandemia. Tamén decidiron excluír delas o 25% do alumnado español (unha cuarta parte). Toda unha equivocación denominada discriminación. Como se recolle na Constitución vixente, o Goberno debe garantir o dereito á educación e isto realízase a través de centros públicos e de centros sostidos con fondos públicos.

    Se seguimos o fío deste nobelo, podemos deternos na época de escolarización. A que pais non lles gusta escoller o colexio que máis se axeite á súa maneira de entender o mundo como, por certo, fixo a señora ministra e fan moitas das persoas que atacan a concertada? Está claro que se o Goberno apoiase de igual maneira as dúas redes complementarias, garantiríase a liberdade de elección así como o de igualdade, ou non?

    Eu, como pai ou nai, escollo libremente o centro educativo no que quero que estuden os meus fillos. A proposta de suprimir o concepto de “demanda social” impulsado por Celáa leva á imposición dun modelo educativo único, o que o Goberno quere e considera axeitado porque sabe o que lles convén ou non, aos gobernados (isto sóame a totalitarismo); non promove o dereito á igualdade na educación, afonda nunha loita de clases que lles interesa a algúns ideoloxicamente e, por suposto, atenta contra a liberdade de elección.

    Liberdade! Un dos valores democráticos que máis valoramos os cidadáns. Apreciamos a pluralidade que caracteriza a nosa sociedade e loitamos pola liberdade de expresión, pola liberdade para entrar e saír, para ser nós mesmos, para termos a parella que queiramos, para elixir partidos políticos, relixión ou sindicatos, a liberdade de confesións e de identidade sexual... En definitiva, a liberdade para elixir.

    A existencia dunha rede educativa pública e doutra concertada complementarias garanten o dereito democrático da liberdade de elección por parte dos pais. Non podemos cegarnos nin permitir que nos enganen e nos manipulen sen ningún tipo de miramento.

    Se nun ámbito tan importante como este aceptamos un único modelo imposto polos que nos gobernan e que nos venden como “o mellor”, admitimos dunha banda, a nosa incapacidade para pensar e tomar decisións e, doutra, renunciamos a ideais democráticos fundamentais como son a liberdade e a igualdade.

    17 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.