Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eu tamén fun a EXB... e a unha escola unitaria!

Dende a aparición do libro Yo fui a EGB, o seu posterior musical e unha corrente xerada polas redes sociais, isto é un non parar de rememorar (de maneira moi divertida, iso sí) aqueles tempos como se xa formaran parte da prehistoria educativa. Si, eu tamén fun á EXB, pero aínda podo dicir máis, eu fun á unitaria! Que marabillosa prehistoria a miña!

Nestes días de incerta preparación para a volta ao cole, por mor das circunstancias especiais nas que se produce este regreso, pensei moito nestas escolas. É curiosa a súa realidade agora que se fala tanto de distancias e das ratios de alumnos. Moitas delas, as que aínda logran sobrevivir, levan anos na corda frouxa precisamente por ter ás veces grupos demasiado reducidos. Afondar sobre o sistema educativo, sobre os tipos de centros de ensino, o seu funcionamento e as eleccións particulares de cada quen, daría para outra análise da que descoñezo datos en profundidade. Este é só un recordo agarimoso para tantos composteláns que pasaron polas unitarias, porque forman parte da nosa historia. A finais dos anos 80 aínda acariciaban a vintena estes colexios rurais en Santiago, pero pouco a pouco foron pechando. Dos seis que aínda resistían alá polo 2007, quedan agora tres: EEI O Gaioso (O Eixo), EEI O Sisto (Marrozos) e a EEI do Rial (Laraño).

O meu recordo da escola rural é que se te levabas pouco tempo cos teus irmáns o máis probable é que aprenderas a ler a canda eles. Iso se eras dos que sempre querías copiar e facer o mesmo que os grandes, porque aquí compartías aula e mestre para diferentes cursos, polo xeral dende infantil ao que por aquel entón era 2º de EXB (4,5,6 e 7 anos). Se te portabas regular os teus pais case que se enteraban dende a casa. O teu grupo de amiguiños era todo o cole. Cando lles tocaba repaso en alto da táboa de multiplicar (ou non sei se era a de sumar) aos de 2º, respirabas contentísimo porque ti estabas en primeiro. Os nenos e nenas das unitarias facíamonos maiores á idade de oito anos, cando pasabamos para o colexio dos maiores. Despois tamén fomos ao instituto de maiores, e incluso ás universidades de maiores.

EEI DO RIAL (LARAÑO). É unha alegría escoitar como falan con ilusión as mestras actuais desta ensinanza, tal cal como eu a recordo. É o caso de Verónica González, que para este curso ten en Laraño nove alumnos de infantil, na que será a súa terceira experiencia nesta parroquia santiaguesa. Esta escola pasou de estar repleta a loitar cada ano por ter suficiente alumnado para seguir viva. “Ao non ter transporte, madrugadores ou comedor, as familias non se animan tanto”, explica Verónica. Pero a unitaria suple isto con outro tipo de atencións. “O máis especial son as relacións cos nenos, porque ao ser poucos coñécelos moi ben, sabes dos seus medos, das súas emocións, podeste adaptar aos seus ritmos e ata están en zapatillas da casa! Tamén as relacións entre eles mesmos, como se axudan uns aos outros e aprenden de cada un sen importar as idades. O contacto cos pais tamén é moi particular, axúdanche moito, respectando sempre o teu traballo como profesora”.

CRA BOQUEIXÓN-VEDRA. Na comarca compostelá, tres escolas de Boqueixón (Camporrapado, Lestedo e Sergude) e outras tres de Vedra (San Xián, San Fins e Sarandón) conforman o Centro Rural Agrupado, que acolle a 93 rapaces e rapazas para este curso. Esta unión permítelle contar con máis profesorado propio e especialista, ademais do mestre titular. Di a súa directora, Elena García, que se trata dunha “ensinanza moi enriquecedora, con moito agarimo”. Entre todos os centros organizan saídas conxuntas, comparten actividades extraescolares, festivais... “Así cando van ao cole de maiores e se atopan alí xa se coñecen todos”. Adaptándose aos tempos conservan a esencia das unitarias. Gústame como o conta Elena: “As emocións son ao grande, como un Gran Hermano, abres a porta e veñen todos correndo a darche abrazos. Os pequenos son autosuficientes e moi responsables e hai unha relación moi directa cas familias”.

A min moito me gustaba a miña escoliña. Ao principio falei das unitarias como parte da historia de moitas persoas, pero tamén son parte do presente de moitos cativos e ogallá que dun bonito futuro.

06 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito