Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Excedentes de auga e o transvase Texo-Segura

Os agricultores do Levante español atópanse en franca disputa co Ministerio de Transición Ecolóxica polos substanciais recortes previstos sobre os 340 hectómetros cúbicos anuais que se estaban a transvasar desde a cunca do Texo ao Segura, así como pola retirada de subvencións ás plantas desalinizadoras. Unha auténtica guerra da auga, con manifestacións multitudinarias e acusacións de groso calibre e que ten o feito insólito (para estes tempos) de que presidentes autonómicos de partidos, radicalmente enfrontados como son o PSOE e o PP se manifestasen de acordo e a fronte destas protestas. Mesmo o Tribunal Supremo tivo que pronunciarse en varias ocasións sobre este contencioso e casi sempre a favor do ministerio.

Deixando á parte a cuestión das desalinizadoras, que precisaría unha discusión máis demorada, o problema do Transvase Texo-Segura (que xa estaba formulado desde a época da Segunda República) tivo no tempo un desenvolvemento bastante complexo e conflitivo, que tentarei resumir. Nacido das loables premisas da hidrosolidariedade que nos din, entre outras recomendacións, que nun determinado territorio as cuncas excedentarias en agua deberían compartila sempre coas que presentan a cotío déficits acusados e persistentes. Algo que certamente ocorre coa cabeceira do Texo, que ten auga de sobra nas épocas húmidas e a totalidade da cunca do Segura, que a precisa na maior parte do ano. A solución semellaría sinxela: aproveitemos a auga abondosa dos outonos e invernos do río castelá , cos consabidos encoros, e dispoñamos dela para os levantinos nas primaveras e veráns.

O proxecto deste transvase, de 1933, foi retomado en 1940, logo esquecido, e só a partir dos anos sesenta, polas reclamacións murcianas que argumentaban, entre otras cousas, que o seu regadío era moito máis rendible que os futuros casteláns previstos, volveu ao primeiro plano da axenda política. As primeras augas do Texo comenzaron a discorrer cara ao Segura en 1979 e así ata hoxe, cando se sucederon todo un complexo entramado de normas xurídicas e tamén de enfrontamentos máis ou menos virulentos pero constantes, entre as comunidades da cunca que cede a auga e das que a recibe.

En xeral, os expertos consideran que as augas transvasables terían que ser só as excedentarias dun río, polo que este concepto debería ser a chave de todo o problema: canta auga en exceso ten o Texo? Un ecoloxista radical contestaría que ningunha, pois toda a auga que leva un río sería necesaria para cumprir as súas funcións. Nun plano máis realista, admítese que a auga excedentaria sería a que quedaría despois de satisfacer as demandas de consumo (doméstico, agrícola, turístico e industrial), os caudais ecolóxicos e otras necesidades ambientais e a evaporación.

E sempre, como principio rector, debería de considerarse, en primeiro lugar, que o río que transvasa a auga, tivese na súa cunca un balance hidrolóxico axeitado e que non se superasen nela determinados límites económicos e ambientais, é dicir, en primeiro lugar o Texo e despois o Segura.

Pois ben, no caso do río castelá atopámonos co único río importante español que non ten definidos uns caudais ecolóxicos (subtituídos neste caso por unhas controvertidas normas de baleirado dos encoros) así como as tendencias dos últimos anos en relación aos deficits de precipitación, que están a medrar como consecuencia do cambio climático e fan cada vez máis dificil que se atendan as necesidades básicas das poboacións e dos recursos biolóxicos da cunca.

Por iso tería que recoñecer que o ministerio , ao que non lle teño demasiado aprecio polos atrancos seguidos que está a poñer aos intereses de Galicia, ten neste caso a razón coas medidas restrictivas que está a tomar sobre o Transvase Texo-Segura. Pero, como adoita fa cer en moitas das súas decisións, actuou con demasiadas présas e sen a debida transparencia e diálogo, empurrado, quizais, por ese interese que ten en demostrarlle a todos que estamos diante do Goberno máis verde de occidente.

23 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito