Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo demite da súa responsabilidade

    A Xunta agachou a mantenta o seu plan para a volta ás aulas de primaria, ESO e secundaria até celebradas as eleccións nacionais do 12-X nas que Feijóo anovou a súa maioría absoluta. Moi axiña, despois das mesmas, impuxo sen diálogo ningún cos sindicatos e asociacións de nais e pais un protocolo sinalado por non achegar financiamento adicional ningún, por non contratar significativamente persoal de reforzo e por lle transladar a responsabilidade ás equipas directivas dos centros.

    O importante empeoramento epidemiolóxico da área da Coruña, os abrochos noutras partes da Galicia e máis a tendencia xeral estatal e europea de medre de casos e mesmo de xurdimento de focos de transmisión comunitaria obrigou á Xunta a pór en dúbida os termos do seu protocolo. Mais na semana última a presidenta rexional de Madrid, Díaz Ayuso e o conselleiro de Sanidade coincidiron en reclamar un protocolo estatal único para a volta ás aulas.

    Só Galicia é competente para regular este caste de protocolos e normativas sanitario-educativas. O que non quita para que dialogue na Conferencia Sectorial de Educación ou en calquera outro foro para recíproca información e para aproveitarmos das ideas doutros países e territorios que o poden facer mellor. Mais a responsabilidade é exclusiva da Xunta e os alicerces para adaptarmos as decisións acaídas han ser a propia situación epidemiolóxica galega, a nosa distribución poboacional, os medios e recursos dispoñíbeis e mesmo a nosa climatoloxía e pluviometría, radicalmente diferente da andaluza ou mediterránea.

    Feijóo é campión mundial nas modalidades de lle botar a culpa aos outros e facer oposición da oposición. Demitindo da súa responsabilidade agacha a súa propia inactividade- e mesmo incompetencia- no fornecemento dos medios precisos para a volta ás aulas. Mentres pon o foco no Goberno do Estado a respecto das eventuais desfeitas que nos agardan nas primeiras semanas do curso académico. Como xa fixo o 14 de marzo, cando celebrou a implantación do –despois– malfadado Mando Único sanitario.

    A reclamación dun protocolo único para a volta á escola está pensada tamén para o desgastamento adicional, no medio prazo, do Goberno do Estado, requiríndoo para adoptaren medidas recentralizadoras. Medidas que lle haberían enfrontar coas presidentas socialistas de Nafarroa e les Illes e cos presidentes socialistas canario e do País Valenciá (que cogobernan cos nacionalistas e soberanistas dos devanditos territorios). Sen contar co conflito co PNV, JuntsxCatalunya e ERC que gobernan Euskadi e Catalunya.

    A fuxida das súas responsabilidades de Feijóo non habería agachar que mentres Galicia (2,7 M habitantes) vai contratar 240 novos traballadores públicos para a volta ás aulas, o País Valencià (5M habitantes) contratará 4.377. Na volta á escola, pois, cómpre ollar cara València, cando non cara ás capitais escocesa e galesa Edinburgh e Cardiff, no canto de tanto ollar cara Madrid.

    E, por riba de todo, cómpre sermos responsábeis do noso e non lle botar a culpa aos demáis.

    23 ago 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.