Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Felices sesenta

    MEU amigo Xosé ten un Seat 600 que mercou en 1960, que case sempre está máis limpo que o meu Opel. E iso que o seu coche ten máis de sesenta anos e o meu un. A prol do meu coche, para ser xustos, cabería dicir que se move bastante máis que o seu; o cal está case sempre gardadiño no garaxe cunha gran lona que o protexe do po e só sae a dar unha voltiña para as grandes ocasións.

    Cando falas con Xosé do traballo ou o fútbol a cousa non dura moito, pois a el o que realmente lle interesa é o seu 600. Nos últimos meses a súa cabeza estaba máis embebida del que nunca, pois sabía que o Club 600 tiña previsto facer unha concentración en Santiago con motivo do 65 aniversario da fabricación do modelo e o Ano Santo. Nela participou algún dos primeiros 600 que se fabricaron no 1957 e algúns recordaron as aventuras vividas con eles a case 130 qm/h.

    Aínda que me convidou a asistir á parada e finalmente non puiden asistir, como me contou o sucedido con tanta paixón, é como se tivera estado.

    O número de 600 que chegaron ao Obradoiro o 19 de xuño xunto o seu, segundo me dixo Xosé, foron 58. Digo 58 “máis un” porque non dixo que chegaron 59, senón 58 e o seu; o cal é un matiz importante. O seu 600 non é un calquera, é un compañeiro de fatigas ao que ten un grande admiración e agradecemento porque lle sacou moitas castañas do lume.

    Penso que Xosé me considera dos seus porque a primeira vez que me falou do seu 600, conteille que aprendín a conducir cun 600 aos dezasete anos con todo luxo de detalles. A verdade é que de saber a emoción que lle produciría, probablemente, non lle tiña contado nada.

    O coche do que lle contei a Xosé que aprendín a conducir era o 600 verde da miña nai, co cal saín co meu pai varios sábados a conducir nun descampado pouco antes de comezar as clases nunha academia. A miña ledicia era total, pois ademais de aprender a acelerar e frear, ir marcha atrás e aparcar, ao rematar íamos a tomar un churrasco.

    Cando suspendín o exame teórico meu profesor estaba feliz, pois tíñame advertido que os universitarios non dedicábamos tempo a preparar o exame. Sorte que, despois de cumprirse a súa predición, aprobei o teórico no segundo intento e o práctico no primeiro. Para aparcar marcha atrás, obrigábanos a guiarnos polos adhesivos que había no cristal de atrás do seu coche: “cando o vexas, xira o volante ata a metade...”. O método non podía ser menos educativo, pois o coche da miña nai non tiña adhesivos.

    Que o 600 cambiou o país nos sesen-
    ta é evidente, pois o seu prezo era
    moito máis asumible que o de calque-
    ra outra marca. Aínda que o meu coche –non só os 600– tamén ten a súa dign-idade, non si?

    09 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito