Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feliz 2023!

    POUCOS días antes do Nadal, ao desexarlle bo Nadal a unha compañeira de traballo, contestoume cunha pregunta: “Gústache o Nadal?, porque a min non”. Antes de que lle contestara que si, como fixen, engadiu que na súa familia estaban divididos; pois seu marido e seus fillos pequenos estaban a favor, pero ela e o maior non porque vían moita hipocrisía nos desexos de felicidade que se intercambian estes días.

    Sobre esta cuestión habería moito que dicir, pois hai a quen esa morea de felicitacións que nos chegan por todas partes acaba cansándoas. Pero, “Que hai de malo nisto? –comenteille–, ogallá todo o ano fora así”.

    Por desgraza hai amigos que non vemos durante meses porque viven lonxe ou non nos cadran os horarios para velos. E con moitos deles o Nadal ou o fin do ano son o único contacto que mantemos, amosándolles que seguimos téndoos presentes a través dun whatsapp ou un christma (isto último esixe un esforzo sobrehumano).

    Por outra banda o Nadal e estrear un novo ano son unha especie de tregua na vida moderna. Algo parecido ao que pasaba hai séculos, na que ao chegar o inverno parábanse as guerras polas inclemencias do tempo.

    As veces as relacións sociais –por non falar da política– están dominadas pola crispación. Pero a ningunha persoa sensata se lle ocorre abrir a caixa dos tronos un 24 ou un 31 de decembro. Para dicir unha parvada –pensa a maioría–, mellor esperar a que pasen as festas. Se isto é hipocrisía, non o sei. Pero o sexa ou non, non sería mellor que esa actitude amable se mantivera durante todo o ano ou durante o período máis amplo posible?

    Hai persoas que ver as rúas engalanadas con luces de cores parécelles un paripé. Igual que os árbores de Nadal, os nacementos ou os desexos de que teñamos un feliz ano novo pendurados por todas partes. Pero crear espazos de paz e ilusión, incluídos os Reis Magos para os pequenos, é importante. Cantos máis haxa, mellor, pois o positivo xera positividade e o negativo non.

    Cando uns días antes do Nadal fun a mercar un xamón, o encargado de poñelo nunha caixa que daban de balde no súper, a pesar da cola que había, estaba feliz. Ao preguntarlle se estaba canso, contestoume que gozaba co seu traballo e estaba moi contento na empresa porque antes traballou nas zona de roupa e de música, e agora puxérono nista porque tiña unha enfermidade.

    O inicio do novo ano é unha oportunidade para recuperar a ilusión. Encher a nosa mochila dela, aínda que non academos todo o que nos propoñemos, ademais de darnos forza e felicidade, é o primeiro paso para logralo. Meu veciño, como se fora un segredo, díxome que ía ir a por dúas cousas no 2023 si ou si. Feliz 2023 para todos!

    07 ene 2023 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito