Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fontán puxo Galicia nun mapa

    DOMINGO Fontán foi un polifacético ilustrado, matemático, político, astrónomo, xeógrafo... autor da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico da península Ibérica que serviu de base, por exemplo, para proxectos posteriores no trazado das comunicacións como foi o deseño do trazado da primeira liña férrea, de Santiago a Carril.

    Este home de raza, adiantado ao seu tempo que foi capaz de poñer Galicia nun mapa cando aínda os satélites tardarían moito en chegar ao espazo, naceu na aldea de Porta do Conde, en Portas-Pontevedra, no ano 1788. En 1817, Domingo Fontán decide iniciar as medicións e mergullarse nun proxecto que o leva a percorrer 27.000 km a pé ou montado en burro ou dacabalo para poñerlle rostro á nosa comunidade.

    Tomou como punto de partida ou punto cero a torre Berenguela da Catedral de Santiago, desde aí, con ferramentas cedidas pola universidade compostelá ou mercadas en París e Londres para realizar as súas medicións matemáticas, cuadrangulou todo o territorio. Non quedou fonte, igrexa –localizou ata 4.000– nin outeiro nin accidente xeográfico sen rexistrar. O resultado, un mapa ao que lle dedicou 20 anos da súa vida e que aínda hoxe segue admirando pola súa precisión e exactitude.

    En 1834 acabou os traballos da carta pero houbo que agardar ata 1845, once anos máis tarde, en París, para poder imprimilos. Chegaron ao porto da Coruña e repartíronse por Galicia e por España. Un orixinal deste mapa foi propiedade de Ramón Otero Pedrayo e podémolo ver, xunto a 300 pezas máis, na exposición Galicia, de Nós a nós da Cidade da Cultura, coa que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. A través desta exposición, descubriremos a importancia do legado dun grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento e internacionalización da lingua e da cultura galegas.

    Por certo, seguro que algúns de vós, lectores de este xornal, tamén posuiredes unha reprodución deste mapa, editada por Teófilo Ediciones xunto cun libro homenaxe, coa que dito periódico agasallou os seus lectores o 25 de xullo de 2017 EL CORREO GALLEGO.

    O admirado científico que traemos hoxe a este recuncho faleceu o 24 de outubro do ano 1866 e descansa no Panteón de Galegos Ilustres, onda Castelao, Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas. Pero lembremos que nos corresponde aos galegos e galegas reivindicar os grandes heroes e heroínas da nosa historia e lograr levantar a lousa de esquecemento que caeu sobre moitos deles.

    17 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.