Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fracaso da diplomacia

    A pesar de que a Corte Internacional da Haia, comunmente chamada Tribunal Penal Internacional (TPI), xa comezou a investigar os crimes de guerra cometidos por Rusia en Ucraína, é moi difícil que poida xulgar a Putin.

    A apertura desta foi solicitada por 41 países –entre eles España– ao existir, como afirmou o fiscal do TPI, una base razoable para crer que en Ucraína tense cometidos crimes de lesa humanidade: ataques á poboación civil, bombardeos a hospitais maternais, uso de bombas de baleiro...

    A razón pola que este proceso pode quedar en nada é ben sinxela pois, se Rusia fora requirida para entregar a Putin ao TPI, non estaría obrigada a facelo; aínda que de viaxar a calquera dos 123 países asinantes do Estatuto de Roma podería ser detido. O mesmo pasaría con calquera dirixente de EEUU, China, India, Israel, Cuba e os demais países que non subscribiron o dito estatuto, pois Rusia non é a única que o rexeitou.

    Outra vía para que Putin respondera dos crimes que está a cometer sería a creación dun tribunal especial no marco do Consello de Seguridade da ONU, similares os de Nuremberg, a antiga Iugoslavia ou Ruanda. Pero esta vía tamén está pechada polo poder de veto que Rusia ten no consello, que tamén atesouran EEUU, China, Reino Unido e Francia.

    Xunto con isto, o esforzo para conter a carreira armamentista e eliminar as armas nucleares non parece estar na axenda dos países máis poderosos. A proba é que o Tratado para a Prohibición das Armas Nucleares aprobado pola ONU –que asinaron 84 países e entrou en vigor no 2021 ao alcanzar a súa 50 ratificación–, non foi asinado polos países que teñen armas atómicas, como Rusia, China ou os pertencentes á OTAN.

    Como dixo Javier Solana, ex-secretario xeral da OTAN, no ciclo de conferencias O Progreso no século XXI celebrado hai uns días en Barcelona, “hai que recuperar a función do xardineiro que coida o seu xardín todos os días, hai algo de xardinería na diplomacia”.

    Se en tempos de paz non se acordan maneiras de solucionar os problemas dunha maneira civilizada, que vinculen a todos os países a aceptar o que ditamine un órgano independente da comunidade internacional, sen dereitos de veto por parte das grandes potencias, barbaries como a que está a suceder en Ucraína –ou como a que tivo lugar en Iraq– seguirán producíndose.

    Negarse a limitar a carreira armamentista (como quere a ONU) e a que os responsables de crimes de lesa humanidade poidan ser xulgados por tribunais internacionais (como prevé o TIP), e á vez proclamar os dereitos humanos, non cadra.

    A diplomacia, como os xardíns, hai que cultivala cada día. Aínda que para iso, fai falla coraxe e magnanimidade.

    19 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito