Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Funeral

    Pola miña condición de xubilado, é dicir por dispoñer de todo o tempo libre, puiden presenciar a retransmisión televisiva do funeral pola raíña Isabel II. Un seguimento atento xa que para non estar pendente da preparación do xantar, optei por cociñar algo que se fixese con calma e a lume morno: unhas meixelas de porco. A súa cocción duraba máis ou menos o tempo previsto para o acto e o desfile posterior, durante o cal podía prescindir de seguilo un anaco para retirar as fazulas a outra cazola, coar o mollo e engadirlle unha picada, o mallado propio da cociña catalá, para que seguisen a cocer un pouco máis.

    Non me interesaba o evento pola súa exaltación da monarquía nin da tradición: son republicano e certas tradicións parécenme a mostra suprema do rancio. Ou como escribía o avogado e recente comentarista catalán Xavier Melero, o abafamento que deixou a maneira coa que a maioría de medios de comunicación trataron a morte da monarca británica. Ao cabo, a traxectoria dos Windsor está lonxe de ser exemplar: a historia pasou pola vida de Isabel II, que estaba alí sen facer apenas nada.

    Amais do interese histórico, a ausencia no horizonte de “vodas do século” fai que nos teñamos que conformar cun “funeral do século”, que sempre ten máis solemnidade ca aquelas. Non houbera outro semellante desde o de Churchill (o persoeiro civil británico do século XX) en 1965. Ao cabo, a coroa inglesa -o de británica é novo - chegou onde chegou grazas a acumular corpos armados, uniformes e cerimonias desde a conquista normanda hai mil anos.

    Interesábame especialmente o acompañamento musical do acto. Porque se unha virtude tivo o cristianismo -especialmente o católico- foi o papel xogado fronte ao momento transcendental da morte. Os mosteiros cistercienses primeiro e os franciscanos, especialmente, despois fixeron da esperanza na vida eterna un modus vivendi a cambio de confortar aos fieis no momento do tránsito. Coa separación de Roma da Igrexa anglicana, esta pasou a continuar no exercicio desta práctica pero con modos propios, máis comedidos.

    Porque a apoteose da música funeraria tivo lugar a partir do Barroco, que representou o espírito da Contrarreforma. É certo que xa a había antes, desde a Idade Media, cos planhs occitanos e os prantos de nós pero non excedían os límites da lírica. Foi xa en portas do Renacemento cando, a partir da tradición polifónica, comezaron as misas de réquiem (Ockeghem, Lassus). E é este o asunto do meu interese, en tanto que coleccionista deste tipo de composicións. Por certo, a ver se algunha institución promove a gravación do “Oficio de finados e misa de réquiem a tres voces, orquestra ou órgano” de Xoán Montes, de 1891 (eu non teño noticia de que exista).

    Volvendo á historia, o Barroco coñeceu o esplendor das misas de réquiem, que chegaron ao seu cumio con Mozart, Brahms e Verdi, por citar algúns dos máis coñecidos, con pequenas xoias como a “Missa pro Defunctis” de Joan de Cererols ou o “Requiem” de Jan Dismas Zelenka. No caso da Gran Bretaña, ausente o espírito de Trento e a continuidade litúrxica do latín, a creación musical ficou limitada, aínda máis co establecemento do puritanismo nos anos de Cromwell.

    A restauración da coroa con Carlos II axudou á presenza de músicos importantes: Henry Purcell (autor da música para o funeral da raíña María, 1695), Georg F. Händel ou William Croft (que compuxo a música das exequias da raíña Ana, 1714) e de “The Sentences” para funerais de estado, que foi cantada polo coro infantil da abadía de Westminster e a Capela Real do Palacio de San Xaime cando o féretro de Isabel II entraba no templo. Cantouse tamén unha peza especialmente composta por Judith Weir e antes de que o féretro saíse do templo, Paul Burns, o gaiteiro da soberana (tocaba cada día ás 9 da mañá durante quince minutos), interpretou a peza tradicional de lamento “Sleep, Dearie, Sleep”. E durante o desfile polas rúas de Londres, o cortello ía encabezado por bandas de gaitas e tambores de rexementos de Escocia e Irlanda.

    Pero así como é habitual cantar nos funerais ingleses, incluso nos comúns, non houbo tradición de misas de réquiem ata tempos recentes (as de Andrew Lloyd Weber e John Rutter) a causa da liturxia verbo do rito católico (eucaristía). Amais, a presenza de políticos e monarcas estranxeiros (laicos ou doutras confesións) limitaba a dimensión da celebración relixiosa.

    Joaquim Ventura

    28 sep 2022 / 11:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito