Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galiza, na segunda fase

    O delegado do Governo central escusa a falta de axudas públicas, aos proxectos presentados por Galiza, a que serían contemplados nunha segunda fase, como é o caso do conduto de hidroxeno verde. O trato é propio do que se lle dá a un país subalterno, e doe cun galego o acepte e repita como un loro os inxustificábeis argumentos do Executivo en Madrid.

    Que estes proxectos entren nunha segunda fase está por ver. Semella máis unha desculpa que un compromiso, aínda que todos/as quixésemos que fose o segundo. Ademais: cando será está segunda fase e con que recursos contará?... Dicir que como se trata dun proxecto experimental polo que se reduciu só algúns territorios, non deixa de se unha mala escusa, máxime cando os mapas dos condutos de hidroxeno verde deixan fóra só a Galiza (e Canarias e Baleares porque son illas).

    No caso concreto do noso país seica pon en perigo investimentos por 1.300 millóns de euros, e os postos de traballo correspondentes. Proxectos que por certo deberían ser debatidos cos partidos, coas organizacións sociais, para que fagan súas contribucións e valorar súas repercusións económicas e sociais,... E deste xeito contar cun amplo respaldo.... E non sendo así, a Xunta ponllo fácil ao PSOE+UP.

    Agora ben, non semella casualidade que mentres tanto se aceptan case que todos os proxectos relacionados co produción de enerxía eólica, porque a produción eléctrica xa se póden exportar. Daquela unha actitude tan diferente? Para contestar esta pregunta, non se pode obviar que a nación galega ten unha das mellores condicións no relativo aos ventos para aproveitar os aeroxeradores, tanto en terra como na plataforma mariña. Por isto a Xunta como o Governo central estean aprobando proxectos a eito (deixando nun segundo plano a cuestión ecolóxica?).

    Ou sexa, a exportación de enerxía primaria está garantida e polo tanto pódese usar para producir en calquera outra autonomía metanol, hidroxeno verde, etc. Esta produción primaria deixaría na Galiza pouco beneficio, e potenciaría mais o rol subalterno e primario na escala de valor.

    Resulta evidente que ficamos nunha conxuntura complexa e de grandes cambios, non só pola consolidación dun mundo multipolar, senón que ademais todo indica que vanse consolidar economías rexionalizadas, dando fin á globalización. Isto implica un forte reaxuste na actividade produtiva, no emprego, e no poder político, tanto entre territorios como entre as clases sociais. Mais, neste intre, non está en xogo o carácter neoliberal da economía, aínda que saír da crise necesita dun papel destacado dos estados, e axudas e intervencións dos recursos públicos. Até onde chegue e cal sexa o resultado ao final deste período dependerá en boa medida da mobilización social, e da disputa no eido do relato, tanto respecto da situación como das propostas de futuro.

    Son momentos decisivos e non hai moito tempo, nen moitos escenarios, para garantir un futuro digno para o povo galego, entendendo como tal aquel que representa á maioría social,... máxime cando se acumulan antecedentes como a perda de peso demográfico, por mor da baixa natalidade e migración da mocidade, unha balanza de capital co exterior negativa, o retroceso da nosa lingua, o recuar do peso político no Estado español... Esperar a unha segunda fase é un golpe duro, pedir que se acepte por anticipado a derrota, máxime para Galiza que leva tanto tempo e en tantos proxectos marxinada (autoestradas, ave,...). Non abonda coas palabras e boas intencións, nen coas protestas de salón e nos medios, cómpre unha actitude máis coherente, atrevida,... que ilusione e conte co povo.

    18 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito