Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Go dtí go deo, Paddy

    A morte, na madrugada do pasado martes, de Paddy Moloney deixa a música popular europea sen un dos seus principais referentes. O gaiteiro irlandés non só estableceu pontes entre as músicas tradicionais do Atlántico norte. Tamén conseguiu dignificar a tradición musical irlandesa, secularmente menosprezada polos ocupantes británicos. E, de rebote, conseguir que as manifestacións musicais doutros países atlánticos, de lingua celta ou non, fosen recoñecidas arreo (o termo “música celta”, polo menos aplicado a Galicia, non me cadra).

    As informacións que inmediatamente apareceron na prensa galega viñan condicionadas dalgún xeito pola privilexiada relación que Moloney tivo con Galicia, especialmente a partir do momento en que coñeceu a un mozo vigués chamado Carlos Núñez, xa daquela un virtuoso da gaita e da flauta. Invitouno a participar na gravación da banda sonora da película A illa do tesouro en 1990, cun reparto de luxo, e nunha xira posterior polos Estados Unidos.

    Non era aquela a primeira colaboración musical de Paddy Moloney e os seus Chieftains co cine. En 1991 apareceu un álbum antolóxico deses traballos, Reel Music. The Film Scores, pero paga a pena procurar -na medida do posible- os álbums orixinais de Barry Lyndon, de Stanley Kubrick (1975), Oscar á mellor banda sonora adaptada, ou de The Year of the French (1980), unha miniserie que narra a participación en 1798 dunha compañía de soldados franceses en apoio duns rebeldes irlandeses erguidos en armas contra os británicos mandados por Lord Cornwallis.

    As referencias de prensa ficaron condicionadas, en boa parte, polo inmediatismo de dar a noticia e, sobre todo, pola traxectoria recente de Paddy Moloney e The Chieftains. Notábase en falla un coñecemento elemental da historia da música tradicional irlandesa na segunda metade do século XX, polo menos, sen a cal non podemos entender a historia desta formación senón a doutros artistas irlandeses como Sinnead O’Connor, The Corrs ou Enya, ou ingleses como Mike Oldfield e os Beatles incluso (ao cabo, Lennon e McCartney tiñan ascendencia irlandesa).

    E para entender o enorme fondo musical irlandés cómpre ter presente dous artistas, fundamentalmente. O primeiro, Turlogh Carolan (na súa denominación inglesa), arpista e compositor do século XVIII que deixou un considerable volume de composicións que anos despois serviu de base para o corpus irlandés tradicional. O segundo, o cantante e compositor Seán Ó Riada (1931-1971), animador do grupo Ceoltóirí Chualann. Nesta formación, que resucitou o emprego do bodhrán (o pandeiro irlandés), participaron desde 1960 algúns dos músicos (daquela moi novos) que despois formarían The Chieftains.

    Daquela, e con participacións na radio, conseguiron revitalizar a música tradicional irlandesa, á que engadiron cancións como “Mná na hÉireann” (‘Mulles de Irlanda’), de Ó Riada, que ben axiña acadou a condicións de mítica. Publicaron diversos álbums e antes da disolución do grupo gravaron dous discos, Ó Riada e o dobre Ó Riada sa Gaiety, que apareceron posteriormente á prematura morte de Seán Ó Riada.

    En paralelo, algúns dos membros de Ceoltóirí Chualann formaron The Chieftains. Liderados por Paddy Moloney, fronte a outras formacións coetáneas, como The Dubliners, deixaron de banda o canto (moi vinculad

    o ao mundo dos pubs) para centrarse exclusivamente na música instrumental, que pasaba a gañar protagonismo e non simple acompañamento. A partir de 1972, co seu terceiro álbum, comezaron a ser coñecidos internacionalmente. Naquel momento a formación inicial pasou a estar composta por Moloney, Keane, Martin Fay, Matt Molloy, Kevin Coneff e o arpista e profesor Derek Bell (cuxa imaxe formal contrastaba coa máis desenfadada dos seus compañeiros), dous dos cales xa morreron tempo atrás.

    Coleccionista da súa discografía, non sempre accesible (con todo, teño o dobre LP de Ó Riada), se a memoria non me falla, asistín a tres concertos de The Chieftains. A primeira, sería polo 1993, na sala barcelonesa Razzmatazz; a segunda, no Palau de la Música de Barcelona en 2006 e a terceira no verán de 2019, con Carlos Núñez, no Festival de Pedralbes.

    Quédanos a túa música, Paddy Moloney. Go dtí go deo. Ata sempre.

    Joaquim Ventura

    15 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito