Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Golfiños, candorcas e barcos

    POLA boca das rías pasearon este verán as orcas ou candorcas, eses enormes golfiños en branco e negro aos que lles gusta vivir en grupos familiares. Teñen sona de ser grandes depredadores, capaces de engulipar unha morsa no almorzo e de atacar en grupo a outras baleas: por iso no cine e nas malas novelas falan delas como “baleas asasinas” ainda que non sexan baleas, nin tampouco asasinas.

    Nos días pasados EL CORREO GALLEGO contou o encontro de varios barcos de recreo con mandas destes cetáceos, as candorcas, perto das rías de Vigo e de Pontevedra unhas veces, dentro da mesma ría de Arousa outras, e tamén fronte a Corrubedo e noutros lugares. No final de agosto, un veleiro de regatas da armada, recibiu varias pancadas dunha femia curiosa ou enfadada.

    E na semana pasada, outra embarcación inglesa de vela quedou sen goberno a seis millas do cabo Prior polos golpes que lle dera outro grupo no leme. Un barco de salvamento marítimo tivo que acudir e remolcalos a porto porque as avarías impedían que navegaran polos seus medios. Algúns tripulantes recolleron imaxes cos seus móbiles, que andan por internet.

    Durante varias décadas do século XX foron habituais os espectáculos en con candorcas e outros tipos de golfiños en catividade. Poden domesticarse, teñen capacidade para aprender e resultan verdadeiramente impresionantes cando as ves a poucos metros. Os cambios de sensibilidade sobre os seres vivos marcaron o devalar destes shows.

    Tamén pesaron contra eles os incidentes nos que resultaron mortos ou feridos adestradores e espectadores imprudentes. Algunhas das empresas que ainda ofrecen exhibicións deste tipo –en California e Orlando, por exemplo– anunciaron a sustitución das partes mais circenses por outras mais “educativas”, ainda que non está moi clara a difenza entre as vellas e as novas versións do espectáculo: o que segue a producir mais diversión entre os asistentes son os momentos nos que os animais mandan, con toda intención, unha gran cantidade de auga contra os espectadores das primeiras filas, que quedan enchoupados de arriba abaixo.

    As peripecias dos tripulantes que estes días tiveron encontros coas candorcas fan lembrar que detrás dun barco hai sempre unha historia, un perigo, unha emoción. E penso no malbarate dos barcos históricos en Galicia, país de mariñeiros. Moi especialmente dos barcos dedicados á caza de cetáceos e á pesca de altura, todos convertidos en chatarra ou arrecifes. Hai barcos históricos ben conservados e convertidos nun recurso turístico e pedagóxico en Bilbao, en Aveiro, en Viana do Castelo, en Lisboa, en Portsmouth (Hampshire), en medio mundo.

    Pero un dos últimos barcos baleeiros galegos (o IBSA Uno) é hoxe parte do Museo da Balea en Noruega, porque non tivo quen o quixera en Galicia. En fin, atopar barcos de valor histórico en Galicia é xa tan dificil como atopalos en Albacete. Como moitos cetáceos, son unha especie en grave perigo de extinción.

    15 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.