Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gordimer e o racismo

    O 3 de outubro de 1991 Nadine Gordimer obtivo o Premio Nobel de Literatura e pasou a formar parte do grupo de mulleres que recibiron este prestixioso galardón. Nadine, muller, branca e africana, que dicía que a “cor da pel non importa”, loitou en Sudáfrica por eliminar as fronteiras raciais. Con 18 anos decatouse de que tiña en común cos mozos negros ca cos brancos pois estes só estaban interesados na súa propia comunidade branca. Nadine involucrouse totalmente na loita contra o apartheid e no Congreso Nacional Africano de Nelson Mandela nun país marcado, naqueles momentos, por un intenso odio racial.

    E Nadine sérveme de escusa para conectar este tema coa actualidade da brutalidade policial en Estados Unidos que leva provocando protestas e manifestacións masivas desde o mes de maio. Hai quen opina que é doado confundir discriminación racial con brutalidade policial e que no caso dos EE. UU. vivimos un problema de brutalidade policial que vén de atrás. Argumentan, ademais, que é normal que os negros sexan os que máis sofren as consecuencias xa que o 12% da poboación son afroamericanos e cometen máis da metade dos homicidos e roubos e ata un 70% dos delitos relacionados coas drogas.

    Porén, estas explicación non me convencen pois a realidade é que un día tras outro, as vítimas mortais que acaparan titulares como consecuencia da brutalidade policial nese país, son negros. Os brancos que cometen delitos, está claro, non sofren estes abusos na mesma medida polo que me resulta difícil desvincular estas actuacións do concepto de odio racial. Por outra parte, as declaración e a xestión de Trump tampouco contribúen a mellorar esta tendencia.

    Cómpre ver a situación con vista de águia pois será a que nos permita comprender mellor a realidade como fixo Nadine nos peores momentos para a minoría branca en Sudáfrica. Esta mirada de águia levouna a dicir cousas coma estas: “Se un grupo de negros sudafricanos me mata, haberá que responsabilizar o apartheid e non os autores materiais”.

    Pero Nadine, non só falou tamén actuou. Lamentaba a falta de compromiso social dos intelectuais de fin do século XX e foron as súas accións, xunto cos seus libros, nos que recoñecía que nunca se impuxera que na súa escritura houbese activismo, polo que pasou á historia. E remato con palabras desta nonaxenaria, falecida no 2014, que nos lembran que non temos escusa se non loitamos para conseguir “unha vida decente para todos (...) Seguro que podemos facer cousas boas, facer boa a noa liberdade”.

    01 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.