Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Hai profesores que tamén merecen un sobresaliente

“É que o profesor tenme manía”. Cantos pais terán escoitado esta frase cando pedían explicacións aos fillos sobre algunha cuestión relacionada co cole? Pode que sexa a desculpa máis utilizada ao longo da historia polo alumnado para xustificarse e, probablemente, a afirmación máis odiada polos mestres. Que non digo eu que todos sexan unha marabilla, que en todas as profesións hai quen desempeña as súas funcións mellor ca outros. Un clásico tamén é ese toma e daca entre pais/titores e docentes, porque moitas veces uns pensan que os outros poderían facelo mellor e viceversa. Por sorte, cada vez parece que hai máis confianza entre as familias que deixan aos menores tantas horas nun centro de ensino e as persoas que pasan con eles ese tempo. E menos mal, porque con esta situación sanitaria que vivimos non queda outra que confiarse ou tolear, tendo en conta que agora os profes (que xa sabemos que non teñen que exercer de pais senón de educadores) teñen un papel engadido e moito máis complicado.

HAI POUCO RECORDABA nesta mesma sección ás escolas unitarias. Así coñecín a Verónica González, a profesora da EEI do Rial, na parroquia compostelá de Laraño. O día que fun visitala atopeina toda afanada en preparar para os seus cativos un inicio de curso estraño. Chamoume a atención a paixón coa que falaba dos seus proxectos para as clases, do seu modo de ensinar, do seu apego cos rapaces e as súas familias e do orgullosa que estaba de exercer nun colexio deste tipo. Curiosamente, Verónica vén de ser nominada nos Premios Educa Abanca 2020 como mellor docente de España, distinción da que non sei se acabará sendo a galardoada definitiva pero que xa supón un gran mérito. Aínda así, o seu triunfo xa está acadado: contar coa satisfacción e aprecio dos raparigos que a rodean e de quen llos confía cada día.

NO CENTRO DE LARAÑO pais/nais e profesora empatan por goleada nesa relación da que falo ao principio (e xa sei que a expresión non é do todo coherente, pero é que aquí gañan todos). Foi preguntar por Verónica e chegarme unha morea de mensaxes agarimosas. “A min o que máis me gusta é a resposta cando lle pregunto á miña filla que tal no cole e di xeniaaaal! Podo ver nos seus ollos a emoción de ter vivido aventuras aprendendo cousas novas que nunca olvidarán”, explica Miryam Gimémez. Dende outra unitaria en Teo chegou Carolina. A súa nai, Lucía Manteiga, asegura que a mestra “é moi cercana e ama o seu traballo, percíbese no día a día cos nenos, no esforzo para que manteñan as rutinas de xogo e diversión e, a pesar das limitacións pola Covid-19, implícase moito nas súas emocións e respecta os seus ritmos”. Na mesma liña fala Carmen: “Crea un ambiente moi confortable na aula, como unha pequena familia”. “Rodrigo ten 5 anos e xa está no último curso en Laraño, vainos dar moita pena cando marche e iso que chegamos aquí de rebote, por falta de praza noutro centro. A Verónica véselle o entusiasmo e que lle bota moitas horas ao seu traballo. Aquí somos unha gran comunidade que participamos en todo, nas festas...”, di Paula López. Mentres, David e Elena Montero, dende Ames, decidiron que Antón Den cursara infantil nesta EEI porque “cando coñecemos á profesora as outras opcións diluíronse. Traballa con proxectos que desenvolven as habilidades persoais mediante traballo colaborativo que se realiza en equipo.”

ELIXIR O COLE ao que foron de cativas, porque son da parroquia, ou porque seguen tendo á familia alí, foron razóns de peso para Sofía Mosquera, Mónica Parente ou Pilar Casas. A iso engadiuse atoparse con esta profesional.“De Verónica só podemos dicir cousas boas. Como mestra e como persoa, estamos mais que satisfeitos do seu bo facer, da súa dedicación aos alumnos, a súa paixón polo seu traballo, e facer da escola unha segunda casa para os pequenos”, di Sofía. Pola súa parte, Mónica cre que “conseguiu darlle estabilidade á escola, que os rapaces estean super motivados e as familias implicadas”. Pilar ten dous fillos escolarizados, Enma e Marcos. “O clima que consigue é envexable. Ademais, acadou o equilibrio perfecto entre a súa función docente e a súa disposición afectiva”. Sobresaliente para Verónica dos seus cualificadores máis esixentes.

11 oct 2020 / 17:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito